Por Europa Press / Redacción | MADRID | 12/01/2024 | Actualizada ás 11:02
O Ministerio de Traballo acordou este venres con CC.OO. e UGT subir o salario mínimo inteprofesional (SMI) para 2024 un 5%, desde os 1.080 euros mensuais por 14 pagas ata os 1.134 euros. Esta subida aplicarase con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2024.
Así o anunciou o secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, ao termo da reunión que celebrou á primeira hora desta mañá cos axentes sociais para comunicarlles a decisión do Goberno sobre o SMI tras as conversacións mantidas con eles desde o mes de decembro. As organizacións empresariais CEOE e Cepyme non se sumaron ao acordo alegando que non se atenderon as súas demandas de indexar o SMI aos contratos públicos e de establecer bonificacións para o sector do campo.
Tanto Traballo como CC.OO. e UGT estaban dispostos a asinar unha subida do 4% se as organizacións empresariais se sumaban a un pacto tripartito. En caso de non facelo, o Ministerio e os sindicatos aseguraron que a subida ía ser "máis ambiciosa" que esa 4% inicial.
De feito, os sindicatos estaban a pedir elevar o SMI de 2024 un 5%, 54 euros por encima dos 1.080 euros de 2023. Esa foi finalmente a subida acordada. A principios do ano pasado, o Goberno acordou, só cos sindicatos, unha subida do SMI do 8% para 2023. O seu compromiso para esta lexislatura é fixar, por lei, que esta renda mínima sempre debe ser equivalente ao 60% do salario medio.
A CEOE tampouco se sumou ás subidas do SMI de 2022 e 2021 acordadas polo Goberno de Pedro Sánchez con CC.OO. e UGT, pero si pactou con eles o incremento de 2020, cando aumentou desde os 900 aos 950 euros mensuais.
YOLANDA DÍAZ
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, asegura que "hoxe España é un país mellor" coa subida do 5% do salario mínimo interprofesional (SMI) para 2024, ata os 1.134 euros. "Sorprendeme moito a actitude da patronal española, priorizou intereses que non teñen nada que ver coa defensa do noso país a chegar a un acordo", recriminou.
A preguntas dos medios en Santiago antes de participar nunha entrega de premios de UGT, Díaz valorou que "hoxe os traballadores e as traballadoras gañan dereitos". "O primeiro que lles quero dicir é que é un acordo froito do diálogo social, é un acordo bipartito cos sindicatos do noso país, con Comisións Obreiras e coa UGT", afirma. "Querido Pepe (Álvarez), douvos as grazas en nome do Goberno de España", díxolle ao secretario xeral de UGT, que se atopaba ao seu lado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.