Por Galicia Confidencial | A Coruña | 04/02/2024 | Actualizada ás 10:00
Galicia segue sendo unha illa no mapa comunicativo do Estado español. E é que aquí, a prensa (imprensa e dixital) segue tendo unha importancia e unha credibilidade que non ten no resto de España. O 66,1% dos galegos e galegas prefire este medio para informarse e non só iso, senón que a maioría confía no que din, a pesar de que boa parte deles están dopados con gran cantidade de axudas públicas.
Con todo, é a televisión o medio máis importante no país. O 68,1% dos galegos utiliza este medio para informarse sobre temas de actualidade, cun nivel de confianza de 1,8 sobre 4. O segundo medio de comunicación máis utilizado para recibir información sobre temas de actualidade en Galicia é a prensa, cun nivel de confianza de 2,2 sobre 4. Séguenlle a radio (43,2% de uso e 2,3 sobre 4 de confianza) e as redes sociais (41,6% e 1,1 sobre 4 de confianza).
As comunidades que máis reciben información de actualidade a través da televisión son Cantabria, cun 72,7% dos adultos, e Estremadura, cun 72,3%. As que menos son Baleares, cun 65,2% de adultos, e Asturias, cun 64,5%.
Asturias (67%) e Galicia (66,1%) son as que máis se informan a través da prensa (impresa e dixital). As que menos son Castela-A Mancha (49,6%) e Andalucía (51,6%). Pola contra, a radio é máis utilizada na Rioxa (52,6%) e Castela e León (49,5%), e menos en Canarias (40,4%) e Baleares (40%).
Andalucía (45,7%), Estremadura (45,3%) e Castela-A Mancha (45,3%) son as comunidades que máis se informan a través das redes sociais, e Aragón (39%) e Navarra (39,4%) as que menos. Os datos pertencen a unha análise independente da axencia apablo.com con datos do Estudo sobre audiencias de medios de comunicación social do CIS, cuxa mostra en Galicia é de 1.725 enquisados/as.
COÑECEMENTO SOBRE A ACTUALIDADE
Os galegos constrúen o seu coñecemento da actualidade a través de toda a información que reciben por estes medios. A media de valoración deste coñecemento sobre a actualidade en Galicia é de 2,6 sobre 4.
Os madrileños (2,9 sobre 4) e os aragoneses (2,8) son os que máis cren coñecer mellor a actualidade. Os galegos, rioxanos, canarios e baleares, cun 2,6 sobre 4, os que menos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.