Moitos cidadáns aínda temos moi presente a experiencia que supuxo o 15 M e a tan criticada ausencia de líderes. E agora aparecen Pablo Iglesias, Iñigo Errejón, Carolina Bescansa, Rafael Mayoral, Juan Carlos Monedero e tantos outros politólogos, sociólogos, xuristas e intelectuais diversos. Opinadores televisivos, mocidade de verbo vivo e look actual, que saben usar habilmente a palabra e que todo o mundo entende. Estes dirixentes de PODEMOS conseguiron capitalizar a indignación contra o réxime xurdido trala II Restauración borbónica.
Os partidos políticos, aparentemente progresistas, nados para canalizar as inquedanzas cidadás, revólvense como mastodontes, incapaces de aportar solucións en tempos de escaseza, pobreza, desemprego, desafiuzamentos, recortes e corrupción. Eses partidos tradicionais non conseguen conectar cos intereses cidadáns nin trasladar ás institucións estas preocupacións. Perden o tempo en loitas intestinas, pelexas nominalistas, manifestos aburridos, símbolos e bandeiras, sen aportar as mellores solucións para os graves problemas sociais. Hai tempo que xa só constitúen anquilosadas maquinarias loitando por manter á boia, na superficie do océano político, os seus depauperados, maltreitos e acartonados aparellos de inspiración decimonónica, e iso co único obxectivo de conservar as súas raquíticas parcelas de poder.
Moitos políticos, autodenominados progresistas e de esquerda, hai tempo que priorizan os seus intereses endogámicos como partidos do sistema fronte ás verdadeiras preocupacións da cidadanía. A súa misión orixinaria de vehiculizar as demandas populares defumáronse. Sobrados de palabras ocas e fetichismo «progre», os partidos da «esquerda clásica» xa soamente serven como refuxio de decrépitos, nostálxicos e panfletarios. Coa aparición de PODEMOS suscitouse unha nova “vía” no camiño cara á construción dunha nova sociedade.
PODEMOS suscita que a transformación radical do sistema político e económico, necesaria e paralelamente ten que cambiar o contido da política e todas as súas expresións, para poder ir máis aló das simples relacións de poder entre individuos socializados fragmentadamente en clases sociais; ten que comezar a establecerse unha política que sexa algo máis que expresión concentrada da economía, unha política máis efectiva, sistémica e permanente, que sexa quen de anticiparse e constituírse en actividade artelladora decisiva de relacións sociais da produción de nova natureza.
Trátase da actividade política como sistema de relacións específicas, como un proceso complexo (conxunto de procesos políticos) de aprehensión (identificación, valoración, sistemización.....) das necesidades sociais (dun grupo, sector, estrato, clase, institución, organismo social en xeral) e de organización e dirección dos recursos (obxectuais e humanos) dos actores sociais (individuos, grupos, organizacións, partidos, institucións de todo tipo, organismo social en xeral) para dar resposta a esas necesidades, sobre a base das posibilidades do sistema dado e o cumprimento dos obxectivos do proxecto colectivo en cuestión.
O tránsito que suscita PODEMOS supón crebar totalmente cunhas relacións sociais marcadas polo dominio dunha parte minoritaria da sociedade sobre o resto; demanda necesariamente un salto cualitativo na actividade política que, mantendo a súa estrutura como democracia formal, amplíe as súas posibilidades de participación e favoreza o poder de decisión real da maioría social e axude, ao mesmo tempo, á coordinación das accións de individuos libres e conscientes, en función da ampliación e fortalecemento desa liberdade real como premisa e resultado do máis progresivo e pleno desenvolvemento de cada un e da sociedade no seu conxunto.
Esta transformación que suscita PODEMOS debe propiciar e garantir a participación cada vez máis ampla do conxunto da cidadanía desposuída e sectores sociais subalternos e, progresivamente, de toda a sociedade, nas tarefas que lle son inherentes; en particular, no Goberno e resto de poderes do Estado, pero sobre todo fortalecer a participación progresiva de toda a sociedade no control e dirección da actividade económica e social.
Non se trata de “pelexarnos” entre nós, os militantes, activistas, inscritos, simpatizantes e votantes de PODEMOS, pero é fundamental que defendamos a necesidade dunha organización participativa e gobernada polas bases. Ese debe ser o camiño se o que desexamos é comezar a construción da nova sociedade, con novos contidos e novos fins. De non ser así PODEMOS será un simple novo xogador na mesa do réxime do 78.
Non se trata tampouco de aferrarse a unhas siglas de maneira identitaria e patrimonialista. O camiño que indicou o 15M e comezou a rozar e limpar PODEMOS non é para reificar fetiches simbólicos, senón para cambiar unhas relacións sociais e de produción que nos degradan e precarizan como seres humanos; democratizar e horizontalizar esas relacións sociais e de produción para que ningún grupo social xogue con vantaxe e explote aos demais en beneficio propio.
Do que se trata é de apostar dun xeito decidido por procesos moi democráticos e participativos de "unidade cidadá e popular".
Artigo elaborado conxuntamente por Javier Caso Iglesias, Analista Político, Francí Xavier Muñoz, Diplomado en Humanidades e en Xestión Empresarial e Óscar Lomba Álvarez, Licenciado en Dereito e Diplomado en Maxisterio.