Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2024 | Actualizada ás 19:43
A xunta electoral galega arquivou a denuncia presentada por Podemos Galicia contra o diario La Voz de Galicia pola exclusión da súa cabeza de lista, Isabel Faraldo, dunha rolda de entrevistas aos candidatos de PP, BNG, PSdeG e Sumar publicadas o pasado venres 2 de febreiro, coincidindo co arranque da campaña.
Na súa resolución, á que tivo acceso Europa Press, a xunta determina que os principios de "proporcionalidade e neutralidade informativa" en debates e entrevistas electorais "unicamente esíxense a televisións privadas pero non aos medios de prensa".
Podemos Galicia recorrera á xunta electoral que a súa cabeza de lista non fora convidada á fotografía coa que ilustrou o diario con sede en Arteixo o inicio da carreira electoral na súa portada, na que dispuxo a Alfonso Rueda (PP), Ana Pontón (BNG), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) e Marta Lois (Sumar) sobre unha pista de atletismo.
A imaxe ía acompañada de entrevistas a cada un dos candidatos, o que para o partido morado constituía unha "infracción" ao outorgárselle un "tratamento diferencial" respecto ao resto de forzas. En especial, protestaban que si fose incluída a candidadata Sumar Galicia, pois entendían que contradicía o criterio da xunta que concedera "a igualdade de representatividade" a Podemos e á coalición encabezada por Lois.
Con todo, a xunta electoral dá a razón a La Voz de Galicia, que apelara á súa liberdade de información e criterio como empresa privada para elixir os contidos das súas páxinas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.