Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2024 | Actualizada ás 09:38
A Xunta Electoral de Galega estimou unha denuncia interposta polo PP e instou ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a retirar uns carteis instalados na cidade culpando á Xunta de distintos danos, á vez que lle apercibiu para que non repita esta actuación en época electoral.
A denuncia dos populares galegos recollía que o Concello de Ourense instalara unha serie de carteis en diferentes puntos do municipio responsabilizando á Xunta de distintos danos. En concreto, neles podíase ler 'Concello de Ourense informa: Defecto na vía. Responsable da súa reparación por defectos de execución Xunta de Galicia', 'Concello de Ourense informa: fonte avariada. Responsable da súa reparación por defectos de execución Xunta de Galicia'.
Examinado o caso, a JEG estima a denuncia lembrando que os poderes públicos "atópanse vinculados a un deber de obxectividade e igualdade nas súas actuacións durante o período electoral", polo que "a inserción de anuncios en espazos ou lugares públicos deberá limitarse estritamente a proporcionar información de interese xeral".
Como se desprende da denuncia, as afirmacións contidas nestes carteis "non se atopan amparadas no artigo 50 da LOREX nin na Instrución 2/2011 do 24 de marzo, polo que, existindo, como se sinala na denuncia, críticas cruzadas entre as reclamacións do concello e o goberno galego, e concorrendo á contenda electoral a partido Democracia Ourensá, os carteis financiados polo concello nos que se responsabiliza á Xunta de Galicia das deficiencias na cidade de Ourense, exceden claramente das actuacións que o poder públicos poden continuar realizando no período electoral".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.