Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2024 | Actualizada ás 13:27
Máis dunha vintena de empresas vinculadas ao deseño e creación de produtos de coidado persoal, que utilizan principalmente produtos naturais de Galicia, impulsaron a creación da Asociación Cosmética Galega (ACG). A nova asociación, constituída o pasado luns no BioPolo da Sionlla, en Santiago, nace co obxectivo de "xuntar intereses para compartir coñecemento, experiencia, ferramentas e custos", e reúne a firmas galegas con intereses e necesidades comúns.
A sede de Asociación Cosmética Galega estará en Monterroso, onde se sitúa o proxecto Cosmética Muuhlloa, e a entidade estará presidida pola farmacéutica e impulsora do proxecto lp10, Ariana Fernández Palomo. ACG pretende representar a todas as empresas que forman parte da cadea de valor deste sector, desde a actividade de deseño e formulación, ata a comercialización ou control dos produtos.
As empresas socias fundadoras son lp10, Chorima, Pel Natura, Blue Silk, Nüür, Naturavia, Amálgama, Nela Biosense, Siolaz, Orixe Cosmetics, Muuhlloa, Rizzola, Segolab Saúde, Alloa, Maruxiña, Pazo Gil Casares, Anainas, De Lú, Acemelia, Esencia Viva, Ozoaqua e Luxor Essentia.
A nova entidade recibirá o respaldo do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e do BioPolo da Sionlla. A xunta directiva estará formada por 10 membros: ademais da presidenta, formarán parte do órgano Miguel Ramón da Rúa (vicepresidente), José Ángel Dopico (secretario), Alejandro Cortizas (tesoureiro); e María Álvarez Quintero, Natalia Silva Martín, Enrique Neira, María Luisa Rodríguez Lama, José Manuel Gómez Amorim e Juan Carlos Pastor, como vogais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.