Por Galicia Confidencial | Ourense | 11/03/2024 | Actualizada ás 12:11
Nos últimos tempos estase poñendo de moda entre as grandes empresas e parques e polos tecnolóxicos e industrias fomentar a plantación de bosques de árbores autóctonos para frear a polución. Unha idea que tamén vai poñer en marca o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).
A pegada de carbono de Tecnópole ascende ás 263 toneladas de CO2 ao ano, cifra referida aos 11.918 m2 dos seus tres edificios principais, o que indica que se xeran 22 kg de CO2 por m2. Da cantidade total, 114 toneladas corresponden a empresas instaladas nestes edificios. Estas cifras son similares ás pegadas medias de entidades similares no noso país. Segundo un informe interno, o 95% das emisións proceden do consumo eléctrico asociado á climatización e iluminación dos edificios.
Un dos principais propósitos de Tecnópole é que toda a súa enerxía proceda de fontes renovables. Por iso, entre as accións para mitigar a emisión de gases de efecto invernadoiro, levouse a cabo a plantación de 1.800 árbores, que ocupan unha superficie de 2,2 hectáreas. "A creación deste bosque foi posible grazas á repoboación de terreos do Parque que estaban en desuso, logrando mellorar a paisaxe e evitando así mesmo a propagación de especies invasoras", indican desde este complexo.
Segundo suliña, a repoboación fíxose con especies autóctonas -70% bidueiros e 30% unha mestura de piñeiros, castiñeiros, serbais, carballos e acivros-, que absorberán máis de 270 toneladas de dióxido de carbono nos vindeiros 30 anos, en función do crecemento de cada unha destas especies.
"O `Bosque Tecnópole´ vai permitir compensar as emisións do primeiro ano e parte das emisións dos vindeiros. A plantación xerará cada ano a cantidade de osíxeno equivalente ao que necesitan 88 persoas -tendo en conta que unha persoa precisa o osíxeno xerado por 22 árbores-", aclara. No futuro preténdese irlle dando un uso social a este bosque.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.