Confirmado o arquivo da causa pola desaparición dunha galega a bordo dun buque do CSIC

Os achegados da desaparecida denuncian que as dilixencias practicadas foron "insuficientes". A resolución é firme e non cabe recurso algún.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 02/04/2024 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Valencia confirmou o auto do Xulgado de Instrución número 3 de Gandía que decretaba o arquivo e sobresemento provisional da causa aberta pola desaparición en setembro pasado de María del Carmen Fernández, natural de Cangas, cando se atopaba a bordo do buque oceanográfico 'García del Cid', onde traballaba como persoal adscrito ao servizo de cociña.

Na súa resolución, á que tivo acceso Europa Press, o tribunal provincial desestimou o recurso interposto pola familia da desaparecida contra a resolución do pasado mes de febreiro do xulgado de Gandía e confirmou o arquivo da causa. Tal como recolle o documento, a resolución é firme e contra a mesma non cabe recurso algún.

Con todo, os familiares de María del Carmen Fernández criticaron esta decisión, asegurando que o caso se pechou "sen que se practicara ningunha dilixencia xudicial, en base unicamente ao ateigado e as probas remitidas pola Garda Civil, e que consisten na inspección do buque e toma de declaración ao capitán do mesmo, tres compañeiros de traballo e ao marido da desaparecida".

En concreto, o portavoz da familia, o avogado Diego Leis, indicou que os seus achegados entenden que as dilixencias practicadas foron "insuficientes" para coñecer os feitos ocorridos no barco no momento da desaparición. Por iso, segundo adiantou, están a estudar a interposición de novas demandas a fin de coñecer o ocorrido e de depurar posibles responsabilidades.

FEITOS

A desaparición de Carmen Fernández foi notificada, pola propia tripulación do barco, a Salvamento Marítimo, o 10 de setembro de 2023, cando os seus compañeiros a botaron en falta. Aínda que se iniciou un dispositivo de procura, non se localizou o seu corpo.

Dáse a circunstancia de que Carmen denunciara no pasado por acoso a un compañeiro de tripulación (o caso arquivouse en 2019), e mesmo solicitara o seu traslado a outro barco para non coincidir con esa persoa.

Antes de partir para a viaxe no que desapareceu, Carmen coincidiu con ese compañeiro en porto, pero o home non chegou a embarcar por motivos de saúde.

Exterior da Audiencia Provincial de Ourense
Exterior da Audiencia Provincial de Ourense | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta