O PPdeG pedirá ao Goberno que ceda os seus medios materiais e persoais para que Galicia poida xestionar o seu litoral

Reitera que PSOE e BNG deberían "desculparse" tras o fallo de TC e o seu aval á lei galega do litoral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2024 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O PP pedirá formalmente no Parlamento de Galicia que o Goberno de España, unha vez que o Tribunal Constitucional (TC) recoñeceu que a Comunidade ten as competencias en materia do litoral, traspase os medios materiais e persoais necesarios para xestionar a súa costa. Neste sentido, o portavoz parlamentario popular, Alberto Pazos, criticou que o BNG volvese a presentar, "por terceira vez", unha proposición de lei pedindo ao Goberno de España esta transferencia sobre o litoral, facendo "oídos xordos" á sentenza do TC que recoñece que "esas competencias" xa residen na comunidade.

Pazos arrincou a rolda de prensa deste venres felicitando no nome de todo o Grupo Popular aos deputados que esta semana deixaron o Grupo para asumir novos cargos no Goberno galego, e aproveitou para dar a benvida tamén a quenes lles substituirán nos seus escanos, que cumprimentarán a documentación para tomar posesión no próximo pleno.

Máis aló, o portavoz popular manifestou a súa satisfacción pola sentenza do TC e felicitou "ao Goberno de Alfonso Rueda e aos técnicos e especialistas que elaboraron a Lei galega do litoral e defenderon a Galicia ante o ataque que perpetrou o Goberno central contra o seu autogoberno, porque a súa eficacia e bo traballo tivo como recompensa o recoñecemento do máximo tribunal de xustiza español".

"Conseguiron sacar adiante unha norma sobre a que o Goberno de Pedro Sánchez negouse a dialogar e negociar, á vez que recoñecía a outras comunidades estas mesmas competencias, a pesar de que os seus Estatutos de Autonomía teñan exactamente a mesma redacción nesta materia que o galego", esgrimiu.

Á ESPERA DE DESCULPAS

Pazos manifestou que o PPdeG segue á espera de que tanto o BNG como o PSdeG presenten "as súas desculpas", tanto á Xunta como a todos os galegos, "por desprezar o Estatuto de Autonomía e demorar a aplicación da lei do litoral insistindo na necesidade dun engorroso proceso de transferencia que non é necesario".

En concreto, sobre o BNG, ironizou con que a súa defensa do autogoberno de Galicia traduciuse, de maneira sorprendente, no rexistro e debate no Parlamento galego de dúas proposicións de lei a través das que pedían a tramitación no Congreso da solicitude ao Goberno do Estado da transferencia das competencias sobre o litoral".

Ambas as iniciativas foron rexeitadas porque, defendeu, "atrasarían 'sine die' a cesión das competencias sobre o litoral a Galicia, cando, como lles repetimos incansablemente, estas competencias xa están recollidas no noso Estatuto de Autonomía". "Pero volveron a presentar por primeira vez a mesma proposición de lei e volverémoslles a dicir que non", apostilou.

Con respecto aos socialistas galegos, Alberto Pazos salientou que "pasaron nun primeiro momento de dividirse sobre a necesidade ou non de reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia tivese competencias sobre o seu litoral, a situarse, coa chegada de (José Ramón Gómez) Besteiro á Delegación do Goberno, totalmente a favor de reformar o Estatuto para asumir estas competencias".

"Felizmente, a sentenza do Tribunal Constitucional botou abaixo as pretensións tanto de nacionalistas como de socialistas e recoñeceu que o Estatuto de Autonomía xa recolle as competencias de Galicia sobre o seu litoral", incidiu. "Agora queda pendente que o Goberno de Pedro Sánchez dea o trato que se merece a Galicia e traspase os medios materiais e persoais necesarios para xestionar a súa costa, nas mesmas condicións e coa mesma tramitación que as comunidades que recibiron antes estes servizos a través dun real decreto", reivindicou.

Con este obxectivo, recalcou que o Grupo Popular rexistrou unha proposición non de lei no Parlamento galego, "onde se poderá volver comprobar de que lado están o BNG e o PSdeG: se seguen coa súa negativa a recoñecer as lexítimas competencias que ten Galicia no seu Estatuto ou se suman ao PPdeG pedindo ao Goberno central a transferencia dos medios necesarios para exercer as súas competencias, póndose ao lado dos galegos e defendendo os seus intereses".

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, en rolda de prensa
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, en rolda de prensa | Fonte: PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta