Por E.P. | Betanzos | 16/05/2024 | Actualizada ás 18:19
O Concello de Betanzos solicitou a intervención de Patrimonio Natural da Xunta para que se faga cargo da retirada, traslado e recolocación de varios grupos de ocas que xeran “problemas de salubridade” e que mesmo “atacan” aos veciños.
Os animais, algúns domésticos, habitan na contorna do paseo da Galera desde hai semanas tanto aos residentes desta zona como aos que transitan pola Avenida do Carregal.
Segundo un comunicado do Concello, nesta contorna próxima ao río Mendo existe unha proliferación de gansos, patos, e, de maneira especial, ocas que xeran problemas que salubridade porque deixan sucias as beirarrúas e as entradas aos portais cos seus excrementos. Tamén ocasionan problemas de seguridade viaria ao invadir a calzada e os accesos aos garaxes.
Ademais, os animais en varias ocasións atacaron aos veciños cando tentaban entrar nas súas vivendas ou, simplemente, paseaban preto delas.
Por iso, o Concello solicita a presenza de axentes de medio ambiente para que determinar e concreten as accións a levar a cabo coas ocas, xa que se considera que as hai tanto de orixe doméstica como salvaxes.
Segundo persoal técnico consultado polo goberno local, a solución pasaría por retirar os animais e trasladalos a un centro de protección ou a un hábitat non urbano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.