A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, retomou as conversacións co Instituto Galego de Vivenda e Solo para avanzar na posta en marcha dos proxectos de Casa Torre, Dona Urraca e O Castiñeiro. A rexedora luguesa incidiu este luns en que mantén “a man tendida” para colaborar con “todas” as administracións de cara a lograr “o progreso de Lugo”, segundo recolle un comunicado do goberno local.
Alvarellos mostrou a súa satisfacción por unha reunión que definiu como “moi produtiva” e resaltou os “avances” no convenio de Dona Urraca, a rehabilitación de Casa Torre e a permuta de parcelas en O Castiñeiro. Sobre esta última, o goberno local propuxo ao ente da Xunta que avalíen unha serie de terreos de titularidade municipal para explorar o seu posible intercambio coas parcelas de O Castiñeiro.
En canto a Dona Urraca e Casa Torre, concello e o Goberno galego acordaron trazar unha “folla de ruta conxunta” para poder avanzar “de forma simultánea nestas dúas iniciativas”. “Trátase de tres proxectos crave para Lugo que teñen que ver con aspectos estratéxicos do noso proxecto de cidade como son a rexeneración da Tinería e a permuta acordada no seu día para as parcelas de O Castiñeiro coa que se evitou a concentración de vivenda de protección evitando así a saturación deste barrio da zona norte en atención as demandas veciñais”, incidiu a rexedora.