Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2024 | Actualizada ás 20:04
A Xunta de Galicia criticou este mércores que o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades cambiase de novo as regras de xogo do seu plan de contratación de profesores, impondo máis gasto ás comunidades autónomas. Nun comunicado, o Goberno galego explicou que o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participou esta mañá na Comisión Delegada de Política Universitaria, na que o Ministerio anunciou un novo cambio no devandito plan.
En concreto, o Executivo central modificou outra vez as porcentaxes que debe asumir cada parte á hora de financiar a contratación destes profesores, incrementando a que lle corresponde ás comunidades, que deberán asumila durante seis anos, e diminuíndo a que vai pagar o Ministerio que, ademais, "só se compromete formalmente ao financiamento das prazas que lle corresponden durante catro meses".
No mes de abril, segundo recolle a Xunta, o Ministerio impuxo ás comunidades un acordo no que financiaría o 66% das prazas durante seis anos e as autonomías o 33% restante. Agora, segundo lamenta o Executivo galego, o Goberno comprométese só a financiar o 60% das prazas que haberá que convocar e só durante catro meses, deixando no aire como se vai a proceder ao pago desa porcentaxe ata 2030. Ademais, obriga ás comunidades a asinar un acordo no que asuman o 40% das prazas ata 2030.
Así mesmo, imponse que as convocatorias deberán estar resoltas no primeiro trimestre do ano que vén, cando ata o momento podían distribuírse en catro anos. Díez lamentou este "novo xiro" do Goberno, "cando as administracións autonómicas xa se adheriron ao acordo anterior, tamén imposto, e xa se abordou coas universidades".
MÁIS DE 160 PRAZAS EN GALICIA
"O Goberno central volve incrementar tanto a porcentaxe do que teñen que pagar as autonomías como o número de prazas, máis de 500 máis en toda España, e volve facelo sen negocialo coa parte prexudicada", engadiu.
A Xunta explicou que tiña acordado previamente coas universidades galegas que vai asumir a parte que lle corresponda para facer posible a contratación deste profesorado, "pero o trato do Ministerio é unha falta de respecto institucional".
"En termos prácticos, co acordo anterior a Galicia correspondíalle financiar a contratación de 50 profesores universitarios ata 2030. Co actual, esta cifra sobe a 66 docentes. Pola súa banda, o Ministerio comprométese a asumir a contratación de 101 profesores durante catro meses, só un máis dos que financiaba antes. A partir de 2025, non concreta en que porcentaxe asumirá ese gasto, se o fará, nin con cargo a que fondos", engadiu o Executivo galego. Ademais, antes dábase a opción de que as universidades convocasen as prazas en diferentes convocatorias ao longo de catro anos. Con todo, o novo acordo impón que todas se publiquen antes de final de 2024 e estean resoltas no primeiro trimestre do ano que vén.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.