O BNG critica que Galicia só recibe "migallas" dos fondos europeos e pide evitar deslocalizacións na automoción

Ana Pontón lamentou que as subvencións actuais se centren nas grandes compañías.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 04/06/2024 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou que Galicia só recibe "migallas" dos fondos europeos e pediu axudas para evitar deslocalizacións no sector da automoción. Así o sinalou ante os medios de comunicación este martes en Vigo nun acto levado a cabo ás portas da factoría olívica de Stellantis, onde lamentou que as subvencións actuais se centren nas grandes compañías e non nas pequenas e medianas empresas.

"Galicia xógase moito en relación co seu futuro industrial nas eleccións europeas do próximo 9 de xuño. Uns comicios que se producen nun contexto onde vemos que no noso país a industria ten problemas. O principal é que se está perdendo emprego industrial", reivindicou Pontón, pedindo o voto dos galegos para que o BNG loite en Bruxelas polo emprego na Comunidade. Ela puxo o foco nas localizacións do sector automobilístico, asegurando que na última década "non se instalou nin unha soa industria vinculada co sector da automoción" en Galicia.

"O que vemos é que a Galicia só estanlle chegando migallas e que os fondos están deseñados para que sexan as grandes multinacionais quen acaparen estes fondos sen que isto logo reverta no que é o tecido máis importante deste país, que son as pemes, e na creación de emprego e en evitar deslocalizacións", engadiu Pontón.

Por iso, segundo indicou, o 9 de xuño Galicia xógase o ter un "trato xusto" na repartición dos fondos next generation, para que cheguen ás pequenas empresas e que se utilicen para mellorar as condicións laborais dos empregados, cada vez máis "precarizados".

"O mellor exemplo de como se están usando estes fondos podemos velo en como o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, está a facer de comercial da multinacional portuguesa Altri, á que o PP e o PSOE están dispostos a dar 250 millóns, mentres que para o resto do tecido industrial o único que chega son migallas", insistiu, criticando este modelo de industria "do século pasado, contaminante", pedindo apostar por sectores que xeren un desenvolvemento sustentable e que aposten por emprego de calidade e que xeren "riqueza e futuro" en Galicia. Entre outras críticas, Pontón lamentou que socialistas e 'populares' estean envolvidos nas súas "batallitas madrileñas", no canto de interesarse polos problemas dos galegos.

PRECARIEDADE LABORAL

Na mesma liña falou a candidata nacionalista Ana Miranda, reivindicado o seu traballo en Bruxelas para loitar polo sector automobilístico. "O BNG é a forza que vai defender que o traballo quede no sector da automoción e non se vaia deste país, que os fondos europeos sexan empregados para que queden neste territorio e non para que se reciban e só vaian para as empresas e non para os empregados e desde logo para combater a precariedade laboral", subliñou.

Os nacionalistas alzáronse como "a voz galega" na defensa de Galicia e do sector da automoción en Bruxelas, indicando Miranda que Vigo ten que estar "en primeira liña" no debate da transición enerxética desta industria, para que cheguen os fondos aos traballadores "e non só para as empresas". Para ela, é importante "que non se acabe co emprego" nas industrias auxiliares, lembrando que Stellantis Vigo ten preto de 6.000 empregados, pero o sector en Galicia alcanza os 25.000. Así, criticou que a multinacional estea a apostar por provedores de fóra de Galicia.

Precisamente leste foi o centro da intervención da responsable da Automoción da CIG, María Xosé García, que apoiou ao BNG este martes en Vigo e lamentou as deslocalizacións de pedidos que se están vivindo na actualidade.

García dixo que Stellantis está a apostar por compañías de Marrocos e doutros países como Portugal, no canto de por as fábricas galegas para comprar as pezas que necesita para os seus coches. Isto, ao seu xuízo, supón unha perda de emprego, a pesar da multitude de fondos que recibe a empresa por parte do Europa, do Goberno central e da Xunta.

Miranda, García e Pontón este martes en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Miranda, García e Pontón este martes en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta