Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2024 | Actualizada ás 15:24
A Xunta abrirá o vindeiro luns o prazo de inscrición para o programa de minicampamentos de verán que oferta 700 prazas en actividades para os mozos de entre 9 a 14 anos. Así o anunciou este xoves a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, nunha visita ao hotel A Roda de Valdoviño, un dos establecementos incluídos na proposta.
As prazas están distribuídas en 14 programas e instalacións diferentes e os interesados en participar deberán presentar a súa solicitude, de forma en liña, a partir das 12,00 horas do luns. Para iso, deberán enviar o correspondente formulario electrónico no que poderán elixir ata un máximo de tres quendas diferentes por orde de prioridade.
As accións desenvolveranse en estancias de cinco días, de luns a venres, durante os meses de xullo e agosto, cun total de 34 quendas distribuídas en 14 programas e instalacións en diferentes concellos galegos. Este ano amplíase a oferta con novos programas nos municipios de Palas de Rei, Ribeira de Piquín e Tomiño.
PRAZO DE SOLICITUDE
Para optar a estes minicampmanetos é necesario figurar no padrón dalgún municipio galego e ter entre 9 e 14 anos cumpridos no momento da asistencia á praza.O prazo de inscrición empezará o 10 de xuño ás 12,00 horas e finalizará cinco días antes do inicio de cada actividade, salvo no caso de que se esgoten as prazas.
A adxudicación de prazas será por rigorosa orde de inscrición ata cubrir a totalidade da oferta e non poderán solicitar a praza ás persoas que xa teñen outra confirmada en calquera das actividades propostas na 'Campaña de Verán'.
Todos os programas teñen un custo total de 125 euros --con opción de descontos--, incluíndo aloxamento, manutención completa, programa de actividades e equipo técnico responsable, así como o material necesario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.