Menor, o novo líder do PPdeG que pecha a 'era' Baltar en Ourense

Baltar subliña o seu apoio a Luís Menor para presidir o PP de Ourense, "propúxeno como presidente e non me equivoquei"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/06/2024 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

O ata agora presidente da xestora do PP provincial de Ourense e titular da Deputación, Luís Menor, ratificou que se presentará ao congreso que o próximo 13 de xullo pechará de forma definitiva unha 'era' política dos populares ourensáns vinculada ao apelido Baltar, primeiro da man de José Luís Baltar e, posteriormente, do seu fillo Manuel Baltar.

Precisamente, Menor púxose á fronte da xestora do PP ourensán despois de que Baltar renunciase ao liderado da formación provincial en outubro do ano 2023. Previamente, tras unha campaña das municipais precedida pola polémica do seu caso de exceso de velocidade (polo que será xulgado, unha vez que o Senado suspendeu o seu aforamiento), deixara a Deputación provincial. Nesta conxuntura e co aval da dirección autonómica, Menor tomou as rendas da formación pola vía da xestora. Este xoves reivindicou os resultados electorais obtidos desde entón (aínda recoñecendo que hai marxe de mellora, sobre todo no ámbito local).

Ao tempo, subliñou que tanto cando se puxo á fronte do partido inicialmente como agora sente apoiado polos seus, o propio Manuel Baltar transmitiu nesta mesma xornada, a través das redes sociais, o seu respaldo ao tamén alcalde de Pereiro de Aguiar. E sen querer facer prognósticos sobre se terá ou non rivais no próximo conclave co argumento de que "sempre" se ocupou do seu, afirmou que detecta "unha amplísima maioría" ao seu favor e que ve a súa oferta "amplamente avalada". En todo caso, esgrimiu que "calquera se pode presentar". 

Arquivo - O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor.. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo
Arquivo - O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor.. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Finalmente, preguntado acerca de se preferiría que a súa fose a única candidatura, confesou, entre risas, que "canto máis fácil mellor", aínda que engadiu que non ten "medo" ás "eleccións". Iso si, descartou "unha loita fraticida" porque, defendeu, "non é o estilo de ninguén no PP".

BALTAR

O que foi líder do PP de Ourense e actual senador pola provincia, Manuel Baltar, subliñou o seu apoio ao actual presidente da Deputación de Ourense para presidir o partido na provincia. "Propuxen a Luís Menor como presidente da Deputación de Ourense e da xestora do PP de Ourense. Non me equivoquei", sinala nunha mensaxe publicada no seu perfil da rede social 'X', no que informa o seu aval a Menor como presidente, ao que votará o 13 de xullo no Congreso provincial. "Os éxitos electorais e de xestión merecen toda a miña confianza", finaliza.

Na xornada do mércores o Comité Executivo do PPdeG aprobou a convocatoria para o 13 de xullo do Congreso Extraordinario do PP de Ourense, unha cita de face á que o actual presidente da xestora, Luís Menor, avanzou a súa intención de presentarse para afianzar o seu liderado na provincia.

PAULA PRADO: "VIMOS UN PARTIDO UNIDO AO REDOR DO SEU LIDERADO"

O PP galego está satisfeito co presidente da xestora provincial de Ourense e a súa secretaria xeral, Paula Prado, deu a entender con claridade que a dirección do partido que lidera Alfonso Rueda avala o paso adiante que deu o tamén titular da Deputación. A preguntas dos medios, nunha rolda de prensa en Santiago, Prado lembrou que o tamén alcalde de Pereiro de Aguiar leva liderando a xestora desde o pasado mes de novembro, tras deixar as rendas do partido o agora senador Manuel Baltar.

Desde entón, salientou que houbo dous procesos electorais nos que o PP de Ourense obtivo "uns magníficos resultados". Pero sobre todo, a dirixente popular, salientou a unidade nas filas do PP ourensán en torno ao Menor. "Tamén vimos un partido unido ao redor dese liderado e gustaríanos que seguise así", sentenciou.

SEN CONGRESO AUTONÓMICO EN AXENDA POR AGORA

Preguntada acerca de se haberá un congreso do PP autonómico (non tocaría aínda por tempos) para revalidar o liderado de Alfonso Rueda, como fixo o seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo, nalgunha ocasión previa, Prado replicou que por agora está no calendario o de Ourense, que se celebrará en xullo. Sobre se antes de fin de ano haberá un autonómico, asegurou que os populares aínda "non" o saben. "Son cuestións que se teñen que decidir nos órganos do partido e que, neste momento, non está encima da mesa", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta