Os salarios están 240 euros por baixo da media do Estado, aínda que subiron un 6,4%

Un traballador galego cobra 1.965,61 euros ao mes, fronte aos 2.206,06 dun español.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2024 | Actualizada ás 10:33

Comparte esta noticia

O custo salarial (que comprende todas as remuneracións, tanto en metálico como en especie) chegou aos 1.965,61 euros de media por traballador ao mes en Galicia no primeiro trimestre do ano, un 6,4% máis que no mesmo período de 2023, segundo informou o Instituto Nacional de Estatística (INE) este luns.

Aínda que este aumento é maior que o 3,7% da media española e o terceiro repunte por comunidades, son 240,5 euros menos que a media española, que ascende a 2.206,06 euros. Os salarios galegos sitúanse no oitavo lugar por comunidades. No entanto, supón unha caída fronte aos 2.095,8 euros cos que se pechou 2023. O custo salarial por hora efectiva é de 15,1 euros en Galicia, menos que os 16,9 euros do Estado.

Así, o custo laboral medio por traballador e mes (que inclúe as remuneracións e as cotizacións sociais) subiu un 6,3% en Galicia no primeiro trimestre do ano en relación ao mesmo período do 2023, ata alcanzar os 2.718,08 euros.

O incremento do custo laboral en Galicia sitúase dous puntos por encima do avance do 3,9% no conxunto estatal. De feito, supón a terceira maior subida entre comunidades, só por detrás de Estremadura (7,4%) e Baleares (6,8%).

No entanto, o custo laboral na comunidade galega está case 300 euros por baixo da media do país (3.009,8 euros). Sitúase en metade da táboa ao ser o noveno maior entre autonomías. É preto de 1.000 euros menor que o de Madrid, o máis elevado (3.677,1 euros). O custo laboral por hora efectiva é de 20,9 euros en Galicia (sobe un 9,8%), 2,2 euros menos que os 23,1 euros da media española (7,4%).

HORAS POR TRABALLADOR

Pola súa banda, de xaneiro a marzo, outros custos (non salariais) creceron un 6,3% en Galicia, ata 752,47 euros, máis que o incremento do conxunto do estado (4,2%), pero segue por baixo da media (803,8 euros). No primeiro trimestre do ano, as horas pactadas por traballador e mes foron 152,5 en Galicia (150,8 horas en España), as horas efectivamente traballadas 130,1 (130,3 en España) e as non traballadas 23 (21,2 en España.

Os traballadores a tempo completo tiveron 168,8 horas pactadas, 143,8 horas efectivas e 25,6 horas non traballadas. Pola súa banda, os traballadores a tempo parcial tiveron 90,5 horas pactadas, 77,9 horas efectivas e 13,3 horas non traballadas.

Funcionario traballando nunha oficina
Funcionario traballando nunha oficina | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta