Sindicatos critican a "falta de negociación" por parte da Xunta sobre a nova normativa de FP

As forzas sindicais trasladaron esta postura na mesa sectorial docente

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2024 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

Sindicatos presentes na mesa sectorial docente trasladaron este martes ante representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP as súas críticas ante a "falta de negociación" e de "concreción" das instrucións coas que entrará vigor a nova normativa dos ciclos a partir do curso 2024/25.

En concreto, no encontro participaron, por parte da Xunta, a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez; xunto a representantes de CIG, CCOO, ANPE e UGT.

As instrucións abordadas este martes teñen un carácter transitorio, ata que o Goberno central aprobe toda a normativa que desenvolve a nova lei orgánica de FP, e en setembro o curso arrincará con esta regulación nos primeiros cursos dos ciclos da oferta común, modalidade presencial e réxime xeral --non se inclúe nin a oferta modular nin a FP Dual Intensiva--, así como nos cursos de especialización e os másteres de FP.

A CIG-Ensino, principal central representativa da educación pública galega, foi a máis crítica enla reunión. Á parte de censurar que "non se negociase" a instrución, a súa representante Montse Pena lamenta que son unhas instrucións "moi sucintas" e que quedan "moitas dúbidas sen aclarar".

Ademais, sostén --en declaracións a Europa Press-- que a regulación proposta vai "moito máis alá" da regulación da nova lei estatal, a pesar das críticas manifestadas polo PP e pola propia Consellería de Educación.

Neste sentido, a CIG asegura que "levan ao extremo" a dualización da FP, é dicir, co número de horas de formación na empresa, unha "decisión unilateral". Así mesmo, trasladou "queixas continuas" do profesorado porque hai empresas que "sobreexplotan" aos alumnos ou lles ordenan acometer "tarefas que non son da súa formación".

Tamén apunta Pena que a Consellería estableceu en 120 as horas do renovado módulo de inglés en todos os ciclos, que levará que "se detraigan" doutras materias. En definitiva, a CIG pediu á directora xeral que, se a regulación do próximo curso é "provisional", a Xunta faga "unha reflexión" sobre o modelo de FP que quere de face á elaboración do decreto galego.

CCOO E ANPE

Por parte de CCOO, Borja Campos comenta que o borrador das instrucións está "cheo de obviedades" e son unha "copia pega" da normativa estatal xa existente. "Falta concreción", insiste, sobre todo no tocante ás condicións do persoal.

Campos espera que a introdución de módulos obrigatorios de inglés na FP signifique un aumento de profesionais especializados nesta materia e non que se empregue a outros docentes. Iso si, o representante de CCOO recoñece que hai "moito máis medo a cambios" do que realmente vai ocorrer coa nova lei.

Por parte de ANPE, o sindicato é consciente do "caos" xerado polo Goberno central coa falta de publicación da regulación estatal, pero creee que hai aspectos da instrución autonómica que requiren de maior "concreción" e "aclaración".

Sobre o módulo de inglés, ANPE cre que "a mellor opción" é que esta materia a imparta o propio profesorado do centro que xa dispoña da habilitación C1, porque se trata dun inglés "moi técnico e específico" de cada un.

Finalmente, este sindicato mostra a súa "preocupación" polo feito de que haxa "un número cada vez maior" de ofertas de ciclos privados en localidades onde tamén hai pública e por se o tecido produtivo galego non é "suficiente para absorber" a demanda da formación en empresas do novo modelo de FP.

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, reúnese na mesa sectorial docente non universitaria.. XUNTA
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, reúnese na mesa sectorial docente non universitaria.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta