Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2024 | Actualizada ás 14:16
O portavoz da Executiva do PSdeG, Xulio Torrado, afeou aos populares galegos que tratasen de "aparentar diálogo" na cidade de Ourense mentres "chegaban a acordos por detrás" co alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
Nunha rolda de prensa ofrecida este xoves na sede da formación en Santiago de Compostela, Torrado referiuse ao auxe dos populismos e da extrema dereita para asegurar que estes tamén teñen o seu espazo en Galicia, concretamente na "cidade de Ourense". "O Concello de Ourense está nunha situación de xestión límite. Hai un problema co sistema democrático que os socialistas tentamos resolver", sostivo.
Fronte a un Partido Socialista que se puxo "as katiuscas" para "achicar a auga, taponar as vías e tentar reflotar o Concello de Ourense", asegurou que o PP está "moito máis decidido" a "facer negocios entre partidos" que a "resolver os problemas democráticos". E é que, segundo denunciou, mentres o PSOE trataba de buscar unha solución á situación que atravesa o consistorio ourensán, o PP "quería aparentar que dialogaba", pero "por detrás chegaba a acordos e facía os seus negocios con Jácome".
"Cando os socialistas vemos a Jácome en Ourense sentimos preocupación, pero Rueda sente envexa", afirmou Torrado, que fixo un chamamento ao líder do PPdeG á "sensatez" para que "entenda que os populismos non levan ningún". "Como se está vendo en Ourense, necesitásemos dun PP algo máis sensato, pero, como sempre, o PP non é un partido político puro, senón que é máis ben unha central de negocios". "E aquí está a facer un negocio con Jácome, que non lle interesa a ninguén máis que a Jácome e ao PP", afirmou.
SITUACIÓN NO CARBALLIÑO
Preguntado pola situación no Carballiño, onde o PP chegou a un acordo cos edís socialistas para repartirse a alcaldía, un pacto que foi desautorizado polo PSdeG, Torrado diferenciou o caso desta localidade do da cidade de Ourense. "Son situacións diferentes", manifestou para asegurar que na cidade das Burgas ao PP non lle interesa o acordo porque "ten oportunidades de negocio en política con Jácome".
Por último, sobre o conflito na agrupación do PSOE compostelán despois de que os edís do Grupo Municipal rompesen a disciplina de voto marcada pola dirección local, limitouse a sinalar que "hai un proceso interno aberto". "Os procesos neste partido son garantistas ao máximo e serán os órganos que correspondan os que terán que avaliar a situación", afirmou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.