Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2024 | Actualizada ás 14:12
O Goberno galego confía en ter en vigor a "principios de 2025" o novo decreto que regulará a repartición de medicamentos a domicilio por parte das farmacias a pacientes que teñan dificultades de accesibilidade, é dicir, que sexan dependentes ou que vivan en zonas do rural. A idea, segundo explicou en rolda de prensa o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é que sexan o cinco farmacias máis próximas ás respectivas vivendas as que realicen esta dispensación, con receita, porta a porta. En casos excepcionais, por decisión do pacientes, poderá facerse a través doutra botica da mesma área.
Tamén se habilitará un sistema para que os servizos de farmacia hospitalaria poidan realizar "entregas informadas" en casos de medicamentos máis complexos. Para iso, poderán colaborar as oficinas da zona.
Esta dispensación a domicilio, contemplada na lei galega de ordenación farmacéutica de 2019, xa se realizou durante a pandemia da covid-19 de maneira excepcional. Este decreto permitirá mantela e xeneralizala ao conxunto de Galicia. Preguntado sobre os custos que poden supor para as boticas realizar esta repartición, Rueda non descartou que a Xunta teña que habilitar financiamento aos negocios.
En calquera caso, o decreto empeza agora a súa elaboración --con ese obxectivo de que a "principios de 2025" estea xa en vigor-- no que haberá un proceso "de escoita intenso" co sector.
COMPRA DE SUTURAS MECÁNICAS
Seguindo en clave sanitaria, o Consello da Xunta autorizou este luns a compra centralizada por parte do Sergas, para todas as súas áreas sanitarias, da subministración de suturas mecánicas durante tres anos por máis de 20,2 millóns de euros.
Alfonso Rueda destacou que será a "primeira compra centralizada" destes materiais, o que suporá un aforro anual de case 400.000 euros.
A maiores, o Goberno galego aprobou a contratación durante cinco anos, por case 18 millóns de euros, do servizo de mantemento de equipos de alta tecnoloxía da marca Varian para radioterapia e branquiterapia.
En total, son 17 aceleradores --seis foran comprados con fondos europeos-- dos que anualmente se benefician 9.000 pacientes de cancro. Estes equipos permítenlles acceder a tratamentos con técnicas menos invasivas, menos dolorosas e máis seguras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.