Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/07/2024 | Actualizada ás 11:38
Entre os asuntos que abordará a corporación municipal de Carballo no pleno do 29 de xullo figura unha proposta do grupo de goberno para instaurar o procedemento que permita, se procede, a imposición de penalidades á empresa concesionaria do servizo de recollida e xestión do lixo por "cumprimento defectuoso do contrato".
Segundo a proposta de acordo, o Concello de Carballo dará audiencia á sociedade UTE Carballo e á entidade bancaria avalista do contrato para que, no prazo establecido, presenten os documentos e/ou alegacións que consideren convenientes, nese caso solicitarase o informe correspondente aos servizos técnicos municipais.
Para o goberno municipal, o servizo público de recollida de residuos sólidos urbanos "é esencial para a comunidade e o mantemento dunhas condicións esenciais de salubridade durante as xornadas de folga reviste interese xeral", e, por ese motivo, para as xornadas de folga convocadas polos traballadores durante os meses de xuño e xullo establecéronse uns servizos mínimos "que deberían prestarse por parte da empresa adxudicataria e que, segundo o informe emitido pola Policía Local tras realizar un seguimento das rutas de recollida establecidas, non se cumpriron".
Segundo o prego de cláusulas administrativas do contrato asinado no ano 2012 entre o Concello e UTE Carballo, as faltas cometidas polo contratista penalizaranse con multas que abarcan desde os 600 euros, nos casos máis leves, ata os 300.000, nos máis graves. Neste caso, os servizos técnicos municipais consideran que a infracción debería ser tipificada como moi grave, polo que, coa actualización do IPC previsto tamén no contrato, a sanción podería ir desde os 32.648,92 ata os 326.477,87 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.