Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/07/2024 | Actualizada ás 22:25
A Galicia do exterior tamén quere celebarar o día do país. Os centos de milleiros de galegos, e aqueles que non o son pero tamén teñen un forte vínculo con Galicia, viven, ao seu xeito. o día 25 de Xullo. Por iso, estes días se suceden actos vinculados co noso país. Houbo quen o fixo cun Maratón de Galeguidades e outros que o fan cun maratón de entrevistas.
Así, ao longo de todo o día 24 tivo lugar o Maratón de Galeguidades, un programa de televisión por internet, no que entre as 8:30 e as 20:30, apareceron máis de 100 persoas, atravesadas interxeracionalmente.Con todas elas realizaranse conexións con 27 países dos 5 continentes.
O Maratón celebrouse por medio de entrevistas e faladoiros encadeados, comezando en Oceania e Asia (8:30-10:40) para saltar a Europa (10:40-15:20), África (15:20-16:40) e rematar en América (16:40-20h). O evento retransmitiuse en liña através da web oficial do Maratón de Galeguidades e na Canle de Youtube do IGADI.
"O Maratón é unha celebración, na véspera do Día nacional de Galicia, para conectar a Galicia territorial coa Galicia exterior. Enténdese tamén como un exercicio de intelixencia colectiva, para resignificar a idea de galeguidade e proxectar internacionalmente a Galicia, poñendo en valor á emigración galega", apuntan os organizadores.
Entre as persoas entrevistadas atópanse representantes de Centros Galegos, organizacións da nova diáspora, asociacións de empresarias e empresarios galegas no exterior, traballadoras en Consulados e sedes diplomáticas, investigadoras e investigadores da Asociación Internacional de Estudos Galegos, emprendedores ou profesionais variados na ciencia e a medicina, o xornalismo, a publicidade ou a Universidade.
GALICIA NA INDIA
Tamén o novo Centro de Estudos Galegos creado na India hai uns meses e a Woxen University apoiaron esta iniciativa realizada con entrevistas en 25 países diferentes durante dez horas. Entre os entrevistados están investigadoras, profesores universitarios, xente vinculada á emigración e distintos profesionais vinculados con Galicia. A iniciativa na India esta coordinada polos galegos Raúl Rodíguez, vicepresidente da Woxen University e Elena Gracia, responsable de relacións exteriores deste centro, así como por Anik Nandi, director do Centro de Estudos Galegos na India e profesor na mesma universidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.