Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 06/12/2015 | Actualizada ás 13:00
"Un NÓS que se deixe guiar ideoloxicamente polo principio de que é a humanidade quen constrúe os sistemas sociais, os marcos participativos a disposición da cidadanía, as praxes económicas e os conceptos mesmos de Nación ou Estado e que, precisamente porque os construtores somos os seres humanos, todos eles están sometidos a revisión constante e ningún é unha realidade eterna nin un feito que determine -ou deba determinar- unha imposición doutrinal dogmática para as persoas".
É a petición que lle fai o Partido Galeguista á candidatura Nós, da que forma parte, e da que di, comparte os obxectivos de "construír un marco Nacional de acción política común, aberto a toda a sociedade e cidadanía, eficaz institucionalmente e sostible".
Nun comunicado, esta formación suliña que se atopa "totalmente comprometida" na tarefa de tomar a iniciativa e ofrecer a cidadanía unha proposta sociopolítica alternativa para Galicia. "Un NÓS que é un acto de rebeldía diante do establecido e a máis clara expresión do compromiso que, dende a diversidade, nos une coa nosa lexítima e histórica reivindicación da Identidade Nacional Galega na súa máis ampla e soberanista interpretación", indica.
Así, aposta por reivindicar "un longo camiño histórico" e uns valores herdadosque converxen nunha "única realidade identitaria". "Pero pretender vivir da historia é dar un decidido paso cara á extinción, porque nin os dereitos nin as liberdades se herdan senon que teñen que ser conquistados día a día e por cada xeración", engade.
Por iso, suliña que Nós defende "as formas e valores da conciencia cívico-cultural nacional galega, dentro e fóra dos límites da Galiza territorial" e "unha axenda de liberdades para a cidadanía que devólvalles o dereito a ser e exercer como cidadáns libres".
"Todos somos conscientes de que as solucións que reclama a Identidade Nacional Galega dificilmente virán da man da confrontación e o minifundismo político e que, en consecuencia, ningún esforzo ou concesión serán excesivos", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.