Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2024 | Actualizada ás 14:23
O xulgado do Penal número 2 de Ourense acordou aprazar o xuízo sinalado para este mércores contra unha exconcelleiro do Partido Popular de Ourense por un presunto delito de coaccións, por mor de enfermidade da acusada.
Os feitos, que terán que ser xulgados nunha vista aínda sen data, remóntanse ao ano 2018 segundo o escrito fiscal. A nai da acusada asinou en decembro do 2017, en calidade de arrendadora, un contrato de arrendamento dunha habitación por importe de 250 euros mensuais nun inmoble da capital provincial, con validez ata o 31 de maio de 2018.
Segundo recolle o escrito, foi a acusada quen se encargou de todas as xestións e relacións persoais coa arrendataria. Así pois, percibiu en concepto de fianza e como pago do primeiro mes 750 euros, abonando tamén as rendas correspondentes aos restantes meses. Pero no último mes orixinouse unha discusión entre denunciante e denunciada polo pago do mesmo e dos recibos da auga, que a denunciante pretendía que se fixesen con cargo da fianza no seu día prestada.
Así, o 29 de maio de 2018, cando quixo entrar na vivenda, atopouse con que a acusada cambiara a fechadura para que non puidese acceder á súa habitación. "Posteriormente introduciuna violentamente no interior da vivenda, arrebatoulle as chaves e comezou a increpala dicíndolle que lle faltaban determinados efectos e que tiña que abonarlle unha serie de gastos", sinala o ministerio público.
A Fiscalía tamén expón que a acusada "baleirou, axudada dunha asistenta, os armarios da roupa" da vítima e "botouna posteriormente do domicilio". Os feitos son constitutivos dun delito de coaccións polo que solicita a pena de 18 meses de multa a razón de dez euros de cota diaria, así como indemnizar á vítima con 600 euros por danos morais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.