Mata a súa nai a coiteladas diante da porta da casa en Arbo

A Policía detivo o presunto asasino que se pecheou no seu cuarto.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 26/09/2024 | Actualizada ás 10:08

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo nas últimas horas a un mozo de 20 anos de idade como presunto autor da morte da súa nai, unha muller de 60 anos, no domicilio familiar das Neves.

Segundo informaron fontes da Comandancia de Pontevedra, os feitos ocorreron este mércores sobre as 21,20 horas nunha vivenda da parroquia de Rubiós. Alí, este mozo acoitelou á súa nai á porta do domicilio, causándolle a morte, e logo pechouse na súa habitación.

Cando se personaron os axentes da Garda Civil procederon á súa detención e posterior traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro, xa que o presunto autor do homicidio presentaba algunhas lesións.

O Concello das Neves convocou un minuto de silencio este xoves ás 12:00 horas fronte ao consistorio e está prevista unha reunión da Xunta de Portavoces para acordar algunha xornada de loito oficial. Tras a reunión, acordaron tres días de loito oficial que comezan este xoves e rematan o domingo.

Home detido
Home detido | Fonte: GARDA CIVIL

No acto de silencio concentráronse decenas de persoas. Alí o alcalde, José Manuel Alfonso González (PP), lamentou os feitos, asegurando que Irene era unha muller moi coñecida no pobo, debido a que fora durante moitos anos a carteira da localidade.

El pediu "precaución" á hora de "sinalar a unha persoa", apuntando aos problemas de saúde mental que padece o detido, o cal estaba a tomar medicación. "Desde as autoridades temos que pór o foco de atención das enfermidades mentais, sobre todo nos mozos", reivindicou, insistindo na importancia de ofrecer as ferramentas necesarias á poboación para poder superalas.

A pesar de todo, subliñou que non existían denuncias previas por malos tratos, aínda que algún veciño comentaba algunha "discusión esporádica entre nai e fillo", pero "sen máis". "Hoxe é un día terriblemente duro" e "triste", lamentou o rexedor, indicando que onte á noite xa foi informado da noticia e acudiu ao lugar dos feitos despois das 22:00 horas.

DOR ENTRE A VECIÑANZA

Veciños das Neves mostraron a súa dor ante a terrible noticia coa que amenceron este xoves. Durante o minuto de silencio, decenas de persoas puxeron o foco na amabilidade de Irene, que pedira unha excedencia no traballo para coidar á súa nai, duns 83 anos.

Segundo os veciños, a muller estaba solteira e tiña dous fillos, de 25 e 20 anos. Este último, con problemas de saúde mental, presuntamente acabaría coa súa vida este mércores. O mozo foi detido e previsiblemente pasará este venres a disposición do Xulgado de garda de Ponteareas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta