A Rúa dos Contos chega aos 25 anos e abre a 33ª edición do FIOT

O xoves 26 de setembro deu comezo o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Fíxoo con este ciclo consolidado de narración oral que contou nesta xornada inaugural coa presenza de Federico Pérez.

Por Galicia Confidencial | Carballo | 27/09/2024 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) comeza unha nova andaina escénica alcanzando este ano a súa 33ª edición.

Federico Pérez. Foto: FIOT 2024.
Federico Pérez. Foto: FIOT 2024.

A inauguración da súa xa clásica Rúa dos Contos, ciclo de narración oral e teatro de rúa que este ano celebra as súas vodas de prata tras 25 anos de traxectoria, serviu o xoves 26 de setembro para dar o 'pistoletazo de saída' deste festival teatral de referencia en Galicia --e tamén no Estado-- que presume cada ano dunha completa axenda teatral.

Os protagonistas desta xornada foron Walter Velázquez, cunha actuación na Residencia de Maiores de Carballo e un espectáculo de animación de rúa; e tamén o coñecido humorista Federico Pérez, co seu "Xa que o sabes, voucho contar (e cantar)" no Mesón do Pulpo.

De cara a vindeiras datas, o foco trasladaranos ao Mercado Municipal e aos bares de Carballo con hilarantes propostas narrativas de Evaristo Calvo, Miki Dkai, Jazmín Abuín, Leti da Taberna, Cándido Pazó, Carlos Rebolo, unha peza teatral musicada a cargo de Paraíso Teatro, o espectáculo de música e humor a cargo do dúo Carta de Ajuste e o contacontos musicado "Contos entre cordas" da man de María da Pontragha e Bleuenn le Friec.

ESTREAS ABSOLUTAS

Na Rúa dos Contos deste ano cómpre salientar dúas estreas absolutas. Por unha banda, o novo espectáculo de Cándido Pazó, "Cagadas", e a proposta narrativa de Carlos Rebolo, "Instruccións para tomar café".

"Cagadas", novo espectáculo de humor que vén a ser "unha metáfora nada metafórica sobre os pequenos fracasos". Esas cagadas das que ninguén está libre e que deixan detrás un ronsel de recendentes historias que merecen ser contadas.

O espectáculo de Rebolo achega unha escolma de historias que falan de nós, os humanos imperfectos que somos, e está inspirada no libro de relatos "Instruccións para tomar café" de Manuel Núñez Singala.

EXPOSICIÓN

No que respecta a outras propostas, lembrar que quedou inaugurada no Pazo da Cultura a exposición Zoom FIOT 2023, participada polos fotógrafos/as: José L. Castro, José Manuel Pérez, Fernando Nieto, Kiko Rojo, Cris Becerra, Andrea Sánchez, Luz Vilas e Marcos Rodríguez; na inauguración participa, tamén, a Aula Municipal de Teatro de Carballo.

A RÚA DOS CONTOS / VENRES 27

Cabicivai, de Pablísimo (18.30h, Praza do Concello). TEATRO DE RÚA

Lullaby, de Proyecto Kavauri (19.30h, Praza do Concello). TEATRO DE RÚA

Cagadas, de Cándido Pazó (21.00h, Valle Inclán Café). RÚA DOS CONTOS

A ver que pasa, de Evaristo Calvo (23.00h, Logradouro). RÚA DOS CONTOS 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta