Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2024 | Actualizada ás 11:21
Os afiliados estranxeiros á Seguridade Social situáronse de media en 68.036 en Galicia en setembro, 83 menos que o mes anterior (-0,12%), segundo os datos publicados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións este martes.
Este descenso intermensual contrasta co incremento do 0,5% na media española, xa que gañou unha media de 13.547 afiliados estranxeiros en setembro, co que o noveno mes do ano pechouse con 2.884.289 afiliados procedentes doutros países.
Na comparativa interanual, hai un aumento de 8.232 afiliados estranxeiros en Galicia, un 13,77% máis que en setembro de 2023. Este avance é superior ao 7,3% de subida da media estatal, con 197.299 persoas.
Por provincias, A Coruña conta cunha media de 27.890 afiliados estranxeiros, 61 menos (-0,22%) que o mes pasado, pero 4.096 máis na comparativa interanual (+17,2%). Pontevedra rexistra 21.179, son 106 menos (-0,50%) que agosto e 1.851 máis que setembro de 2023 (+9,58%). Lugo conta con 10.238, 68 menos intermensual (-0,66%) e 1.327 máis interanual (+14,89%). En Ourense son 8.728, única provincia galega con repunte intermensual (153 máis, +1,78%), ademais de crecer en 958 de forma interanual (12,34%).
Do total de estranxeiros empregados, 49.244 son de países de fóra da UE e 18.792 proceden da Unión Europea. O país do que proceden maior número na comunidade é Venezuela (10.062), seguido de Portugal (9.612) e Colombia (3.964).
En España, escontando a estacionalidade e o efecto calendario, a afiliación de estranxeiros á Seguridade Social subiu en setembro en 15.088 cotizantes, ata un total de 2.865.086 ocupados, manténdose así en máximos históricos, segundo resaltou o Departamento que dirixe Elma Saiz.
Desde decembro de 2019, antes do impacto da pandemia, o número de cotizantes extrajeros incrementouse en 702.687 ocupados no país, un 32,5% máis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.