Por Galicia Confidencial | Lugo | 01/02/2016 | Actualizada ás 12:59
O campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil, coñecido como o ‘D3mobile Metrology World League 2016’, bota a andar este martes 2 de febreiro, a partir das 11.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, da Universidade de Santiago (USC). Será nun acto de presentación desta nova edición do certame no que investigadores do grupo USCAN3D da USC e promotores deste proxecto, presentarán ao público unha iniciativa a través da que a universidade compostelá pretende potenciar as vocacións científicas entre estudantes de ensino medio de entre 15 e 17 anos, a través dun elemento de uso cotiá como é o teléfono móbil.
O director deste proxecto de divulgación e estímulo científico, o profesor da USC Juan Ortiz Sanz, explicará todas as particularidades desta competición, así como outros datos referidos ao desenvolvemento da mesma, no transcurso dun acto no que tamén estarán presentes o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta; a Xefa de Servizo de Formación do Profesorado da Xunta de Galicia, Fátima García, e Antón Ledo, da área de Cultura, Patrimonio Histórico, Normalización Lingüística e Artesanía e Deseño da Deputación Provincial de Lugo, informa a USC.
A profesora e coordinadora do grupo de investigación da USC para a Documentación en 3D, Mariluz Gil Docampo, e José Suárez, responsable de AAPP de Vodafone en Galicia, tamén participarán na presentación da nova edición desta iniciativa de fomento da cultura científica e da innovación avalada tamén pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).
O campionato está aberto á participación de estudantes de todo o mundo e desenvolverase completamente en liña. Toda a información referida ao torneo está accesible na páxina http://www.d3mobile.es.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.