Pluralidade, democracia interna e fortalecemento do BNG, principais peticións das dúas listas que confrontan con Pontón

Noa Presas ve "absolutamente natural" que haxa máis candidaturas a liderar o BNG. A lista encabezada por Gustavo Barcia busca que se profunde en reforzar a participación da base militante, a igualdade e a diversidade, e o ecoloxismo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2024 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

"Normalidade" e "cordialidade". Así definen as dúas correntes críticas coa oficialidade do BNG a presentación de candidturas á Asemblea Nacional que a formación frontista celebra o vindeiro 1 de decembro. Unha situación que se produce, ademais, no momento de maior fortaleza política do Bloque como organización frontista.

Presentación de 'Alicerce BNG'
Presentación de 'Alicerce BNG'

Os candidatos destas dúas listas, Noa Presas, e o edil de Mos, Gustavo Barcia, destacan a necesidade de "mellorar" a organización interna do Bloque e, sobre todo, afondar en aspectos que teñen que ver coa "pluralidade interna".  Así, Noa Presas defendeu este sábado que a presentación da súa candidatura --'En Movemento'-- en que no Bloque "nunca hai contrarios", xa que o seu marco, apuntou, "é o do compañeirismo".

"Desde logo, para nós, é algo absolutamente natural e, da mesma maneira que o feminismo é plural e diverso e tece consensos desde as visións diferentes que temos cada unha, iso é o que facemos no BNG, o que facemos todos os días no noso traballo institucional no Parlamento, nas asembleas locais e comarcais e na asemblea nacional na que todos imos achegar as nosas visións para seguir traballando en ser o que somos e o que imos ser no futuro: a alternativa ao PP cada vez máis forte e sempre imparable", reivindicou.

LISTA 'EN MOVEMENTO'

Noa Presas, membro do colectivo interno Movemento Arredistas, encabeza a candidatura 'En Movemento'. Aínda que o regulamento permite que se poidan presentar candidaturas cun mínimo de 15 nomes, a parlamentaria autonómica presenta, do mesmo xeito que Pontón, unha lista completa, conformada por 50 persoas.

Entre elas, están o concelleiro coruñés David Soto no número dous, e  Xulio Conde, militante que concorreu no número 11 da lista do BNG pola Coruña ás autonómicas, no tres. Na candidatura aparecen nomes de sindicalistas da CIG como Anxo Noceda e Manuel Simón, así como portavoces e militantes de distintas localidades de todo o territorio galego.

"FORTALECER" O ESPAZO INTERNO DO BNG

Pola súa banda, Gustavo Barcia, destaca que concorrerá á XVIII Asemblea Nacional do BNG, cun espírito "claramente construtivo" e, en definitiva, para "mellorar" a formación nacionalista. Faino baixo a marca 'Alicerce' e en compaña de varios militantes da zona da Costa da Morte, Barbanza e o sur de Pontevedra, principalmente.  'Alicerce nace para poder fortalecer os principios e pór en común as ideas e participar dunha forma máis activa na propia organización", explicou Barcia este sábado na presentación da candidatura en Santiago.

A deputada do BNG por Ourense Noa Presas
A deputada do BNG por Ourense Noa Presas | Fonte: BNG

Neste sentido, detallou que o seu colectivo ten tres eixos fundamentais: reforzar a participación da base militante en todos os sectores do BNG, a igualdade e a diversidade e o ecoloxismo. Desta forma, remarcou que "deben buscar novos mecanismos" que "melloren e intensifiquen" a toma de decisións colectivas e que "toda a militancia" senta implicada e participa nelas.

"A DIVERSIDADE DE OPINIÓNS ENRIQUECE AO BNG"

Así mesmo, Barcia defendeu que no BNG haxa diferentes candidaturas de cara á próxima asemblea nacional e é que a "diversidade de pareceres e opinións" é algo que "enriquece e potencia" a organización e "permite ampliar" a súa base social para chegar a máis sectores da sociedade.

"Alicerce nace coa vontade de construír dentro do BNG para que Galicia teña un presente e un futuro máis democrático, máis feminista, máis diverso e ecoloxista", esgrimiu. A preguntas dos medios de comunicación, puntualizou que esta corrente política dentro do BNG "non é unha cuestión de crítica", senón que buscan "profundar neses ámbitos" e que se "tomen medidas máis atrevidas" nalgunhas cuestións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta