O modelo laboral de Altri: captar estudantado en prácticas da universidade e das FP

Directivos da empresa tentan catar alumnado en foros de empresa da USC e en varios centros de FP de Galicia. A empresa insiste en que creará 500 empregos "nunha fábrica que funcionará 24 horas para crear dous produtos finais a partir da madeira do eucalipto".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/11/2024 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Membros da multinacional Altri participaron na 4ª edición do Foro de Empresas EQ que se celebrou na Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela. Alí tentaron captar ao alumnado do grao de Enxeñaría Química e do máster de Enxeñaría Química e bioprocesos da mencionada escola, pero tamén ao estudantado dos másteres de Enxeñaría Ambiental; Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable; Física; Investigación Química e Química Industrial; Matemáticas; Matemática Industrial; Técnicas Estatísticas; e Desenvolvemento Económico e Innovación.

Directivas de Altri tentan convencer a estudantado e universitarios das vondades laborais desta multinacional que quere abrir unha mega celulosa en Palas de Rei
Directivas de Altri tentan convencer a estudantado e universitarios das vondades laborais desta multinacional que quere abrir unha mega celulosa en Palas de Rei | Fonte: Altri

"O noso obxectivo é captar talento coa vista posta no proxecto GAMA, que Altri está a impulsar en Galicia a través de Greenfiber. Neste sentido, queremos que coñezan o proxecto e a nosa forma de traballar para que nos consideren unha opción de futuro para o desenvolvemento da súa carreira profesional", suliñou a directora de Recursos Humanos de Greenfifer, Olga López Arias, nun comunicado. Así, presumiu de que, a día de hoxe, a empresa recibiu máis de 600 currículos e xa comezou a manter encontros cos candidatos. 

A multinacional insiste en que o persoal proxectado para a planta de Palas de Rei estará integrada por 500 profesionais, dos cales, "aproximadamente o 40% serán universitarios e o 60% procederán de ciclos de Formación Profesional ou, mesmo, sen estudos específicos previos, que poderán acceder aos plans de formación que poremos en marcha para a cualificación do noso persoal".

PLAN BASEADO EN PRÁCTICAS

Pero o seu modelo de integracióin laboral é a través de prácticas. Altri ten xa en marcha plans de formación para mozos galegos, ben a través de prácticas de 6 meses pertencentes ás modalidades de FP Dual ou ben a través da Escola de Verán. Na Escola de Verán, estudantes de ESO, FP e universitarios realizan prácticas dun mes en diferentes plantas do grupo, integrándose no traballo diario dos equipos asignados, co reto de levar a cabo casos de negocio, ademais de ter oportunidade de visitar Altri Forestal, concretamente os Viveiros e A Quinta de Furadouro.  A edición de 2024 acolleu a 47 mozos, dos que só dous deles eran galegos, da facultade de Enxeñaría Química da USC. 

Stand de Altri na USC para catar estudantado e alumnado
Stand de Altri na USC para catar estudantado e alumnado | Fonte: Altri

Pola súa banda, teñen aberto outro proceso de prácticas de 6 meses en Celbi, situada en Figueira da Foz, no marco da súa política de colaboración con institucións académicas, neste caso co CIFP As Mercedes de Lugo na disciplina de Mecatrónica e co CIFP Politécnico de Santiago no seu módulo de Laboratorio e Control de Calidade.

"O compromiso de Greenfiber é favorecer a formación e empregabilidade da comunidade onde está asentada, polo que priorizará a contratación de profesionais da comarca do Ulla, captando talento e novos galegos coa capacitación e experiencia necesaria para levar a cabo o proxecto. Para aqueles candidatos que carezan desta formación, Greenfiber está a traballar na programación de plans específicos adaptados aos perfís solicitados e na homologación dun certificado de profesionalidade", defende a empresa.

PROXECTO DE CELULOSA

A multinacional portuguesa insiste en que a planta de fibras téxtiles que Greenfiber deseñou para Palas de Rei "é un proxecto baseado na economía circular, no que todo se optimiza: auga, residuos e enerxía" e que se trata "dunha planta de última xeración, en liña coas directrices da UE" que terá "un investimento superior aos 1.000 millóns de euros, creará ao redor de 500 empregos directos e aproximadamente 3.100 indirectos e inducidos en Galicia (3.700 no conxunto de España)".

Tamén salienta que a planta funcionará as 24 horas para fabricar dous produtos finais a partir da madeira do eucalipto, "ambos de base celulósica e, por conseguinte, biodegradables". Un deles serán as fibras solubles para aplicacións téxtiles, que se venderán soamente a industrias do sector téxtil, e outro será o Lyocell, unha fibra téxtil coa mesma base celulósica, que se producirá na mesma planta utilizando directamente o primeiro produto como materia prima.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta