Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/12/2024 | Actualizada ás 20:25
Até un de cada cinco da mocidade pasa máis de dúas horas ao día en TikTok e superan o limiar recomendado no uso das redes sociais, a partir do cal pode aumentar o risco de sufrir problemas de saúde mental. A proporción de mozas que se atopan por encima deste limiar de risco (24,37 %) é claramente superior á de mozos (15,45 %). Así o indica un estudo no que participou a Universitat Oberta de Catalunya (UOC) coa Universidade Pompeu Fabra (UPF), publicado en aberto recentemente na revista Nature.
Aínda que estudos previos xa analizaran o impacto das redes sociais en xeral sobre a saúde mental dos mozos, esta investigación é pioneira na análise dos efectos específicos de TikTok sobre o benestar dixital dos adolescentes. TikTok presenta particularidades específicas en relación con outras redes como Instagram, X ou Facebook, especialmente porque fomenta un consumo máis pasivo de vídeos e unha menor interacción entre usuarios. Ademais, é a rede social máis popular entre os mozos de todo o mundo, especialmente en España, o estado onde a utiliza unha maior porcentaxe de adolescentes.
Para este estudo, levouse a cabo unha enquisa a máis de 1.000 mozos de todo o Estado español de entre 12 e 18 anos para examinar o tempo que destinan a TikTok e os tipos de contidos. Tamén se avaliou a percepción que teñen do seu propio benestar dixital. Enténdese como "benestar dixital" o estado de equilibrio óptimo entre o tempo de conexión e o benestar cognitivo e emocional. Neste estudo medíronse tres variables en relación co benestar dixital: a autocapacidade dos mozos de establecer límites no tempo de conexión; a de xerar conexións sociais e comunidade; e a propia capacidade de resiliencia emocional.
MÁIS DUNHA HORA DE CONSUMO
En canto ao tempo destinado a TikTok, a investigación constata que máis da metade dos mozos enquisados ?o 53,19 %? pasan máis dunha hora ao día na aplicación, mentres que o 35,28 % están nela máis dunha hora e media, e o 20,22 % pasan na aplicación máis de dúas horas, unha porcentaxe que é significativamente superior no caso das mozas neste último caso, o 24,37 %. Neste sentido, varios estudos previos constataron que o feito de usar as redes sociais durante máis de dúas horas ao día está asociado a unha baixa autoestima en canto á imaxe corporal, unha percepción negativa da propia saúde mental ou un incremento do risco de tensión psicolóxica ou de ideas suicidas.
O tempo de consumo dos mozos en TikTok contrasta coa autopercepción do nivel de benestar dixital que teñen, que en xeral é positivo. Nunha escala do 1 ao 5, puntúan a súa capacidade para fixar límites ao tempo de consumo cun 3,22; a súa resiliencia emocional ante os contidos vistos, cun 3,31; e a capacidade de xerar conexións sociais e comunidade, cun 3,64.
Mònika Jiménez, do grupo Communication, Advertising, and Society (CAS), do Departamento de Comunicación da UPF, advirte que "canto máis tempo pasan os mozos en TikTok, menos capacidade teñen para establecer límites nos seus tempos de conexión na app". Os mozos que pasan máis de dúas horas ao día en TikTok puntúan a súa capacidade de fixar límites cun 2,93 sobre 5, mentres que os que lle dedican entre media hora e unha hora valórana cun 3,33. Máis alta é a capacidade de pór límites de quen pasan na aplicación entre 11 minutos e media hora (3,47), ou de quen lle dedican menos de 10 minutos (3,53).
ROLES DE XÉNERO
A investigación tamén revela diferenzas significativas nos tipos de contido consumido en TikTok por mozos e mozas adolescentes, como explica Mireia Montaña, do grupo Aprendizaxes, Medios e Entretemento (GAME), dos Estudos de Ciencias da Información e da Comunicación. "Os mozos están predominantemente interesados en contidos de videoxogos e deportes profesionais, mentres que as mozas tenden a consumir máis contidos de beleza e moda, co que se mostra unha persistencia dos roles tradicionais de xénero nas preferencias de consumo dixital".
En canto ao tipo de contido consumido, os mozos enquisados apuntaron do 1 ao 5 a frecuencia coa que ven vídeos de distintos tipos, onde 1 é nunca e, 5, sempre. Máis aló dos vídeos cómicos e musicais, que se sitúan entre o tres máis vistos por ambos os sexos, o resto de contidos máis consumidos por mozos e mozas son distintos. No caso das mozas, os cinco contidos máis vistos son: comedia (3,24), música (3,22), moda (3,02), beleza (3) e baile ou persoas facendo playback (2,88). No caso dos mozos, son comedia (3,50), videoxogos (3,19), música (3,06), deportes profesionais (3,01) e noticias de influencers ou de streamers (2,92).
SEN CONTROL PARENTAL
Ante esta situación, o estudo considera que as medidas para mellorar o benestar dixital dos mozos non poden limitarse ao control parental da aplicación ou á desconexión dixital. Tamén fan falta programas educativos para promover hábitos dixitais saudables entre os mozos e para dotar ás súas familias de máis estratexias de acompañamento para facelo posible, con perspectiva de xénero. O estudo alerta de que as medidas restritivas indiscriminadas non funcionan, e de que hai que fomentar que cada mozo manteña un nivel de consumo moderado das redes sociais, que se adecue aos seus intereses e necesidades. Tamén insiste en que habería que valorar a realización de auditorías regulares dos algoritmos de redes como TikTok para evitar os seus potenciais efectos adictivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.