Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2024 | Actualizada ás 14:31
A plataforma infantil Xabarin.gal estrea este venres en exclusiva 'Bibopalula', a primeira serie de animación musical en galego, coproducida pola CRTVG, que este domingo tamén se presentará na feira Culturgal, que se celebra en Pontevedra.
Segundo informa CRTVG, esta produción de Undodez e a Televisión de Galicia e dirixida por Laura Mahía e Andrés Mahía, trátase dunha serie musical deseñada para ver múltiples veces por espectadores principiantes, de ata catro anos.
"Colorida, divertida e ambientada nun bosque amable, 'Bibopalula' componse de historias de cinco minutos protagonizadas por paxaros que teñen un grupo musical e en que a natureza ocupa sempre un lugar principal", engade o ente autonómico.
Este grupo musical, chamado a Banda do Bosque, está formado pola urraca Pegui, o merlo Merli, o paporrubio Robin e o peto Carpin. A eles uniranse en cada episodio outros tantos paxaros, coas voces de intérpretes galegos coñecidos polo público como Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé A. Touriñán. Cada capítulo termina cun vídeo dun tema musical orixinal, composto por Santi Jul e Iván Laxe.
O obxectivo de 'Bibopalula', concreta, é "presentarlles a vida natural próxima a nós ás nenas e nenos que se achegan por vez primeira ao audiovisual". Na súa primeira tempada, a serie conta con 55 capítulos de cinco minutos de duración, dos que os 20 primeiros están dispoñibles desde este venres en Xabarin.gal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.