Pontón sobre a comparecencia de Rueda na comisión de contratos: "É toda unha declaración de culpabilidade"

Sobre o feito de que este domingo haxa máis candidaturas a liderar a formación, reiterou que o BNG "é unha organización democrática".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2024 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que a comisión de investigación sobre a contratación da Xunta conformada no Parlamento de Galicia "evidencia o nerviosismo do PP" e avanzou, sen concretar, "máis pasos" nos próximos días. En declaracións aos medios antes do inicio da manifestación convocada este sábado polo comité Intercentros da CRTVG, a portavoz do Bloque criticou que o PP "ten pánico" a que se investiguen "estes 15 anos de chanchullos", onde, engadiu, "están a utilizarse recursos públicos para beneficiar a empresas vinculadas a altos cargos do PP".

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, durante unha entrevista para Europa Press, a 18 de xaneiro de 2023, en Santiago de Compostela
A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, durante unha entrevista para Europa Press, a 18 de xaneiro de 2023, en Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Así, insistiu en que o BNG ve "o nerviosismo do PP" na "propia comparecencia" este venres do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "onde non contestou absolutamente a nada". "É toda unha declaración de culpabilidade", aseverou. Nesta liña, sinalou que seguirán traballando para que "se faga luz onde o PP quere que haxa escuridade" e anunciou que "nos próximos días" irán dando "máis pasos" porque cre que "se está vulnerando o dereito como oposición a fiscalizar ao goberno", así como que o PP "está a tentar boicotear o traballo do Parlamento".

PONTÓN DI QUE ACUDIRÁ ESTE DOMINGO Á ASEMBLEA CON "TODA A ILUSIÓN"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que acudirá este domingo á asemblea dos nacionalistas con "toda a ilusión" para lograr o obxectivo de "relanzar o proxecto do BNG" e defendeu que haxa máis candidaturas que opten a liderar a formación. A preguntas dos medios antes de participar na manifestación convocada este sábado polo Comité Intercentros da CRTVG, a líder nacionalista defendeu que o Bloque é "unha organización democrática", onde "quen máis ordena é a militancia".

Ademais, asegurou que pedirá "a confianza para seguir traballando na liña destes anos" que, engadiu, levoulles a "ter o mellor resultado" da súa historia, e tamén con "o gran reto" de conseguir en 2028 "o cambio político en Galicia". "Creo que neste país o BNG é sinónimo de esperanza de cambio. Nas pasadas eleccións galegas, unha de cada tres persoas apoiaron á nosa candidatura. Creo que temos a responsabilidade de estar á altura desa esperanza e eu vou traballar e achegar sempre desde a humildade, desde a ambición de país, dun BNG de portas abertas á sociedade que siga traballando para construír un país mellor", manifestou.

Nesta liña, cuestionada polo feito de que este domingo se presenten outras dúas candidaturas a liderar o partido, Pontón insistiu en que o BNG é "unha organización democrática" e reiterou que esa é "unha das grandes fortalezas" que os "diferencia do que fan outras organizacións, que escollen aos seus candidatos a dedo". "Nós somos unha organización onde a militancia ten que decidir, e eu sempre digo que isto hai que velo desde a normalidade. Eu son unha militante máis. Traballei sempre nestes oito anos como portavoz nacional, coa man tendida cara a fóra e cara a dentro, cosendo unidades, tentando que esa sempre fose a liña de traballo do BNG; é a liña na que estou e é a liña na que vou seguir", aseverou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta