Por Galicia Confidencial | Madrid | 13/02/2016 | Actualizada ás 17:36
Un acordo de Goberno no Estado entre o PSOE e Ciudadanos é “incompatible” para que En Marea o apoie. Así o advertiu a portavoz deste grupo no Congreso dos Deputados, Alexandra Fernández, que instou ao líder do PSOE, Pedro Sánchez a decidir se quere ser "parte do futuro" ou se aposta pola "gran coalición do medo" que formarían PP, PSOE e Cidadáns.
De feito, instou ao PSdeG para que "tome cartas no asunto", xa que se no conxunto de España chegásese á formación da gran coalición PP, PSOE e Cidadáns, estariaselle "dando ás ao goberno de Feijóo" polo que pediron responsabilidade cos galegos e que se faga todo o posible para camiñar por un goberno de cambio".
"Entendemos que non compartimos o seu proxecto e que non podemos apoiar o recambio do PP", dixo nunha rolda de prensa en Madrid ao cualificar este acordo como un pacto “PP 3.0” e que defenden a "continuidade das políticas do PP".
Así, suliñou que este pacto suporía que continúe no poder o Goberno en funcións "do PP e da corrupción" e insistiu que un programa de cambio é "dificilmente compatible" coa formación de Albert Rivera que "segue repartindo cheques en branco a quen está enfrascado nunha trama de corrupción que continua sendo unha suma e segue".
Por iso, insistiu en que a pesar de que En Marea considera que a demora nas negociacións se debe a unha estratexia do PSOE para tratar "de gañar tempo”. Con todo, destacou que En Marea continúa con "a man tendida" a Pedro Sánchez. "Cremos que deberiamos sentarnos nunha mesa" para abordar temas concretos, dixo.
Doutra banda, a deputada de En Marea pola Coruña Yolanda Díaz explicou que a agrupación parlamentaria de En Marea ostentará dúas portavocías do grupo confederal constituído entre Podemos e as confluencias de Cataluña e Galicia, na comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente con Antón Gómez-Reino e na de Cultura con Miguel Anxo Fernán Vello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.