Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 01/12/2024 | Actualizada ás 20:36
A líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, reivindicou este domingo que o BNG sae "máis forte e preparado" para lograr o seu gran obxectivo: "Gobernar Galicia en 2028". Así mesmo, defendeu que a súa formación é a "única alternativa real fronte ao PP" e a "esperanza desa maioría que soña que outra Galicia é posible". No discurso de clausura da XVIII Asemblea Nacional que o BNG celebrou no Palacio de Congresos de Santiago, agradeceu a confianza para "seguir liderando o Bloque á beira de todas as persoas que a acompañan na nova Executiva Nacional. Ante máis de dous milleiros de militantes de todo o territorio galego, Pontón destacou que despois desta cita asemblearia sae un Bloque "máis forte e máis preparado" para encarar o seu obxectivo de gobernar a Xunta o próximo 2028.
"Tras unha xornada de debate, agora toca traballar todos e todas a unha para seguir demostrando que o BNG é imparable e tendo en conta a responsabilidade que supón ser a esperanza de cambio político. Aí fóra hai moita xente mirándonos e temos a responsabilidade colectiva de estar á altura desa confianza", subliñou. Así, avisou aos seus de que "non hai nada máis revolucionario que chegar ao goberno" para crear un escenario capaz de frear o espolio, normalizar a lingua, pór o país a producir e conseguir un concerto económico ou uns novo estatutos de nación que mellora a vida dos galegos e galegas".
Durante a súa intervención, Pontón incidiu na mensaxe que mandaba no arranque da xornada e sostivo que o "máis revolucionario" que poden facer a continuación é, "gobernar e converter os soños nunha realidade", neste sentido, lembrou que fai oito anos ese soño "parecía impensable" pero que actualmente está "ao alcance da man". Ademais, a líder nacionalista fixo fincapé na "urxencia" de acabar co "réxime absolutista do PP" e en dar a Galicia un goberno "leal, que poña por diante os intereses dos galegos e galegas para darlles unha vida mellor".
Neste contexto, reivindicou a necesidade dun goberno nacionalista para "acabar co espolio eólico, coa destrución do territorio, para frear a bomba ambiental de Altri ou para salvagardar os servizos públicos e garantir o dereito a unha vellez digna". "Gobernar para darlle un futuro á xente nova que hoxe ve truncados os seus proxectos de vida porque non pode pagar nin un aluguer; gobernar para construír un país feminista de mulleres libres e iguais, para darlle a Galicia a chave do seu diñeiro e un status político de nación na que as decisións relevantes estean nas mans da cidadanía", reivindicou.
"MÁIS ORGANIZACIÓN E MÁIS PODER MUNICIPAL"
Neste contexto, subliñou que a formación ten "tres anos por diante" para lograr ese obxectivo, o cal require un proceso "de acumulación", con "máis organización, máis traballo social e máis poder municipal" para "seguir demostrando" desde os concellos o "poder transformador" do Bloque. Deste xeito, destacou que seguirán practicando "a política con maiúsculas, a política das ideas, dos proxectos, a que pon ás persoas no centro". Nesta liña, Pontón incidiu en que "non están aquí para aceptar o que non poden cambiar, senón para cambiar o que non poden aceptar". Con todo, a líder nacionalista apelou a seguir coa "mesma determinación de ir a por todas", unha determinación que, segundo recalcou, "pon dos nervios ao PP", un Partido Popular que "volverá aplicar o mesmo manual de sempre a base de mentiras".
DEBATE INTERNO
Ao longo da xornada, segundo trasladaron fontes consultadas por Europa Press, na quenda de intervencións, tomaron a palabra máis de 50 militantes, tras o que se debateron as 225 emendas aos textos que chegaron vivas á cita orgánica. O informe de xestión do Consello Nacional saíu adiante cun 92,3 % dos votos; mentres que o Relatorio (tese política e organizativa) recibiu un 96,7 % dos apoios. Entre outros, na quenda de intervencións e tras pedir a palabra, subiron á tribuna o responsable de Relacións Institucionais do BNG, Rubén Cela, e o que foi secretario de Organización da formación, Bieito Lobeira.
Estas fontes sinalaron que Lobeira lembrou o carácter frontista e asembleario do Bloque e incidiu na necesidade de que se reflicta esta pluralidade, que é o que, conforme trasladou, defende a UPG. O BNG chegaba á súa XVIII Asemblea Nacional despois de que a comezos desta semana, tras transcender a existencia de varias candidaturas, a UPG emitise un comunicado no que avogaba por unha dinámica interna "máis colectiva e coral", "afastada de calquera tentación presidencialista" por considerar que é "incompatible co carácter asembleario e democrático da fronte".
PONTÓN REIVINDÍCASE
Xa no arranque do conclave interno aproveitaba para reivindicar o seu liderado á fronte dun BNG "máis forte" no "organizativo", o "social" e o "electoral" e avisaba aos presentes de que "non hai nada máis revolucionario que chegar ao goberno". Pontón, que situou á organización nun "momento histórico", deixou claro que para chegar ao goberno "só hai un camiño" e que pasa por "seguir sumando a máis persoas ao proxecto común". E é que, segundo indicou, nestes últimos anos, con máis de 1.400 novas incorporacións desde a última asemblea, o BNG conseguiu chegar cunha "política nacionalista a amplos sectores da sociedade galega".
E iso, segundo subliñou, "é o que pon nervioso ao PP, que sabe que en Galicia hai un rival, o BNG". "Pois que o teñan claro, imos a por todas, todos a un tempo, a por todas", proclamou. A xefa de filas do BNG, que lembrou a situación do Bloque en 2016, cando tomou as rendas, sinalou que había quen situaba á formación como "un barco á deriva con risco de afundirse". "Desde fóra e desde dentro había quen daba ao BNG por morto e amortizado. Había quen propuña que nos retirásemos aos cuarteis de inverno, pensando que o barco do BNG non resistiría as tempestades da invernía", dixo.
Neste contexto, e en alusión ás mareas e proseguindo co símil naval, asegurou que había persoas que "propuñan buscar un remolcador de empresa" para que os leva directamente "ao despezamento". Con todo, afirmou que "oito anos despois, nin retirado nin despezado. Con máis iniciativa e impulso está o BNG", indicou. Pontón atribuíu este "espectacular avance" á súa liña política. "Unha liña clara e actualizada, unha forma diferente de facer política, firme pero amable, empatizando cos problemas e aspiracións da cidadanía que nos está permitindo chegar a máis sectores da sociedade de galega", afirmou.
FRONTE "PATRIÓTICa DE AFILIACIÓN INDIVIDUAL"
Ademais, dixo que este logro non lle fai caer ao BNG nin no conformismo nin na comparecencia, porque o obxectivo non é limitarse a sumar máis deputados e deputadas, senón disputar a hexemonía ao PP para liderar o goberno do país en 2028. Todo iso nun discurso no que fixo un recoñecemento expreso ao traballo das mulleres no BNG e no que deixou claro que o BNG é unha fronte "patriótica de afiliación individual".
"De tal modo que, sen discutir nin minusvalorar aos colectivos, todas e cada unha das persoas que forman o Bloque están en igualdade de condicións e unha das tarefas prioritarias da organización debe ser incorporar á máxima actividade política a todas as persoas que conforman o Bloque Nacionalista Galego", apuntou na cita na que os militantes tiveron que elixir entre tres candidaturas distintas ao Consello Nacional.
UNHAS 2.500 PERSOAS REUNIDAS
Unhas 2.500 persoas congregáronse este domingo no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago para participar na XVIII Asemblea Nacional do BNG, unha cita que reuniu a militantes e simpatizantes da formación nacionalista para elixir os órganos de dirección. Entre os asistentes púidose ver aos cargos orgánicos e institucionais da formación, como os deputados no Parlamento autonómico Olalla Rodil, Noa Presas, Luís Bará...; o representante no Congreso, Néstor Rego, e a senadora Carme da Silva.
Por primeira vez desde a súa chegada á portavocía, Pontón enfrontábase a unha asemblea con varias listas ao Consello Nacional, o que implicou que a militancia tivese que votar e escoller entre a súa papeleta, a candidatura do colectivo 'Arredista' liderada por Noa Presas e a presentada por 'Alicerce' e encabezada polo portavoz municipal no Concello de Mos, Gustavo Barcia. Este feito, motivou que se puidesen ver grandes colas de militantes esperando a súa quenda para votar nunha das 20 urnas habilitadas pola organización respecto diso.
Asistiron alcaldes de todo o territorio galego: a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín; o rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o de Soutomaior Manuel Lourenzo, entre outros, así como a históricos nacionalistas como o que foi portavoz nacional Guillerme Vázquez, e o que foi candidato á Xunta e actual portavoz no Concello da Coruña, Francisco Jorquera. Ao peche da sesión, ademais, asistiu o que foi alcalde de Santiago de Compostela e actual portavoz nacional de Anova, Martiño Noriega. E é que o partido fundado por Xosé Manuel Beiras é unha das delegacións que asistiron como convidadas a esta XVIII Asemblea Nacional do BNG, do mesmo xeito que outras organizacións como a CIG, entre outras.
No conclave político, escolleuse á nova Executiva Nacional así como a 50 dos integrantes do novo Consello Nacional. Tras a votación, a candidatura de Pontón, na que figuran diferentes referentes institucionais e orgánicos do BNG terá 16 dos 19 postos que se votaban. Pola súa banda, a liderada pola deputada autonómica, Noa Presas recibiu un 12 % dos apoios, de forma que contará con dous postos na Executiva (a propia Presas e o edil da Coruña David Soto); mentres que, cun 3,5 % dos votos, terá un posto na Executiva Gustavo Barcia. O número 20 corresponde á secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.