Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2024 | Actualizada ás 21:55
O éxodo de investigadores non é un fenómeno recente, pero cobrou maior relevancia nas últimas décadas. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e tamén o Consello da Cultura Galega (CCG) alertaban da fuga de persoal cualificado durante a crise económica de 2008, aínda que xa se viña dando este fenómeno antes desa data. As motivacións para que unha investigadora decida irse de Galicia son varias mais pesa moito a falta de investimento en I+D+i, a precariedade laboral dentro do ámbito científico (algo común a moitas áreas laborais) e o limitado número de prazas para investigar nas universidades e centros de investigación galegos.
CAUSAS
A fuxida ou fuga de cerebros supón unha perda de posibilidades para o desenvolvemento en Galicia e iso que existen decretos que buscan consolidar a permanencia de persoal investigador. Ante os puntos mencionados anteriormente como causas desta perda de persoal investigador, tamén figura unhas táboas salariais baixas entre persoal científico que exerce labores iguais ás exercidas por persoal médico ou de enfermaría do SERGAS. “Con táboas salariais tan baixas non se atrae xente nin se consolidan postos” di Marta Olivares, presidenta do comité de empresa da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.
Doutra parte, a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación de Investigación Biomédica Galicia Sur e Fundación de Investigación Biomédica da Coruña pasaron a ser fundacións públicas. O problema está en que a adaptación aos parámetros da Administración pública galega necesita unha revisión polo miúdo punto por punto de cada convenio para consolidar a carreira profesional dos e das investigadoras e persoal destas fundacións.
Outro exemplo é a Fundación Galega de Medicina Xenómica, onde se realizan traballos de investigación e traballos médicos. Á parte da adaptación aos parámetros públicos, no seu caso necesitan negociar un convenio propio por carecer del. Esta Fundación finalizaba o seu traspaso á administración pública en xaneiro de 2024 mais a revisión de táboas salariais non mellorou a súa situación.
As diferentes casuísticas resúmense en que as reclamacións feitas á administración pública tanto en materia de carreira laboral, material salarial e recoñecemento inflúen claramente na calidade dos postos de traballo (precariedade, inseguridade, falta de convenios, etc.). Isto último crea un ambiente pouco favorecedor á consolidación dos e das investigadoras nos seus postos de aí que unha das opcións sexa deixar Galicia en busca de mellores oportunidades.
CONSECUENCIAS
A marcha de investigadores non só implica unha perda de talento humano, senón tamén un lastre para o desenvolvemento científico e tecnolóxico de Galicia. A comunidade enfronta retos en áreas como a innovación, a sustentabilidade e a transición dixital, que requiren dun ecosistema sólido de investigación e desenvolvemento. Sen unha masa crítica de expertos, o avance nestas áreas é practicamente imposible. Unha porta de esperanza chegou da man do Ministerio de Sanidade que anunciaba o día 5 de decembro a creación das especialidades en Xenética Médica e Xenética Clínica de Laboratorio que comezarían a dar os primeiros pasos en 2026. Algo que reclamaban os profesionais que traballan en Galicia dentro da Fundación Galega de Medicina Xenómica.
O recoñecemento desta especialidade sería un paso importante para que investigadores e investigadoras consolidasen os seus postos de traballo no país. Mais deberiamos ter en conta que a Fundación Galega de Medicina Xenómica é a única no Estado, polo de agora, que aborda investigación e traballo médico, recibindo encargas desde fóra de Galicia. Aquí un dos puntos sinalados en parágrafos anteriores: a falta de prazas que permitan desenvolver unha carreira profesional no campo da investigación.
Volvendo ao desenvolvemento profesional, aínda que existen fondos públicos para investigación, tamén hai proxectos dependentes de fondos aportados desde a iniciativa privada. Isto transforma aos e ás investigadoras en “buscadoras” deses fondos. A ese diñeiro van ligados os contratos e unha vez finalizados os fondos ou finalizados os contratos, extínguese a continuidade laboral, por tanto, a investigación finaliza e o investigador queda sen traballo. “Isto fai que moita xente se mova a outros organismos ou estea vivindo unha situación de inestabilidade indo de contrato en contrato”.
A inestabilidade laboral, a incerteza de continuidade en proxectos e a adaptación aos novos marcos lexislativos autonómicos consolidan ese ambiente de inseguridade. Isto fai que as capacidades dos centros de investigación acaben por debilitarse. Non resultan atractivos para a incorporación de novo talento e novos investimentos, cousa que perpetúa a precariedade e as xeracions máis novas non ven oportunidades en Galicia.
MEDIDAS?
Entre as propostas para mellorar a calidade tanto de traballo como de vida dos e das investigadoras en Galicia está aumentar o financiamento en I+D+i. Incrementar os gastos nesta área permitiría ademais mellorar as condicións laborais ofrecendo contratos estables e melloras salariais que fagan atractiva a oferta de investigar en Galicia.
Logo estaría a “colaboración público-privada”, onde diñeiro público pode ir á creación de proxectos entre universidades e sector privado, isto podería traer oportunidades de investigación aplicada e emprego para os científicos. E por último, a realización de programas e políticas de retorno para fortalecer o sector.
A pregunta que queda no aire é se Galicia poderá reverter esta tendencia e volverse competitiva. Mentres tanto, moitos investigadores e investigadoras (e outros profesionais) seguen facendo as maletas, levando consigo non só o seu coñecemento, senón tamén as oportunidades de mellorar o estado das cousas no país.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.