Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/12/2024 | Actualizada ás 21:50
Lonxe quedan aqueles tempos nos que ser camioneiro implicaba facerse cun bo feixe de cartos a final de mes e gozar de certo respecto a nivel social. Hoxe por hoxe, ademais de que o custe de vida se incrementou moito máis que os salarios, como acontece en moitas outras profesións, as condicións laborais dun camioneiro tamén se viron mermadas. Non a nivel de comodidade, pois os camións cada vez gozan de maiores prestacións para facilitar a vida ao condutor, pero si a nivel de esixencia: expectativas de tempos a cumprir moi elevadas, alto risco de roubos que os obriga a durmir cun ollo aberto e maltrato por parte doutros empregados na maioría dos puntos de descarga. Dende o Galicia Confidencial falamos con Antonio Fernández, camioneiro dende fai 25 anos, procedente dunha familia de transportistas, e actual presidente da Asociación Provincial de Transporte Frigorífico e de Mercadorías de Pontevedra (Atefrimer), que nos conta o decadente panorama actual desta profesión, tan necesaria un mundo de consumo como o actual, no que o 90 % da mercadoría que se move en España faino por estrada.
Comezando polos cambios bos que se experimentaron dentro do oficio nos últimos anos, apunta a que "os dereitos dos traballadores e as condicións de traballo cambiaron moito nos últimos 25 anos, para ben". Asegura que "agora hai mellores máquinas, máis preparadas, con calefacción, aire acondicionado, boas camas, mellores sistemas de suspensión...". Todo iso fixo que a calidade de vida dos camioneiros mellorase moitísimo. Antonio aínda lembra aqueles primeiros camións que pasaron polas súas mans, que "non tiñan sistema de calefacción autónomo", de maneira que "ti pola noite tiñas que mantelo aceso para poder durmir cando facía moito frío, porque senón morrías de hipotermia se tiñas que durmir no camión". Despois chegaría a incorporación do sistema de aire acondicionado en ruta, igual ao que empregan os coches: mentres o camión estea en marcha, tanto a calefacción como o aire acondicionado funcionan, non así cando o vehículo se apaga. Pero, hoxe por hoxe, "xa contamos con aire acondicionado autónomo", de xeito que "ti podes estar estacionado e co camión apagado, durmindo, co aire acondicionado ou a calefacción funcionando", mediante un sistema semellante ao que empregan as autocaravanas.
A esta comodidade, básica para a supervivencia durante os invernos dos condutores, hai que sumar o feito de que "agora os camións xa traen incorporadas camas máis amplas, con colchóns máis confortables", e non as colchonetas de antes, finiñas e incómodas. Ademais, como apunta Antonio, "dentro das cabinas hai todo tipo de posibilidades: microondas, televisión, equipos multimedia, mesas para comer, cafeteira...", polo que a vida dentro dun camión, hoxe por hoxe, é practicamente como a vida dentro dunha autocaravana, estando perfectamente equipado para vivir nel. Así mesmo, os sistemas de amortiguación e as actuais cabinas sobreelevadas permiten que "agora xa non teñas que ir pegando coa cabeza no teito do camión cos baches da estrada". E, contra o que podería pensarse, o feito de poder gozar de todas estas prestacións tampouco é que encarecese en exceso o prezo. "Realmente os prezos comezaron a subir moito dende fai 3 anos cara esta parte, dende a pandemia, algo que non só afectou aos camións, senón tamén ao resto do sector da automoción, en xeral, que acadou prezos desorbitados que non se corresponden coa realidade", reflexiona este camioneiro. Afortunadamente apunta que no caso dos camións aínda non se está no punto de que haxa modelos de segunda man máis caros que os novos, algo que nos coches si acontece.
"OS ROUBOS FIXÉRONSE TAN COMÚNS QUE AGORA AS PÓLIZAS DE SEGURO SÓ CHE COBREN SE O CAMIÓN ESTABA ESTACIONADO NUNHA ZONA VIXIADA"
Con todo, ata aí chegan as partes boas e que melloraron dentro da profesión, xa que, como asegura Antonio, "tanto o trato como a capacidade adquisitiva dos condutores empeoraron" significativamente nos últimos 25 anos, así como a seguridade dos estacionamentos e o número de lugares para poder aparcar durante os descansos. Este camioneiro lembra que "antes os camioneiros circulabamos moito por estradas nacionais nas que sempre había moitos bares, restaurantes e lugares nos que parar", mentres que, "agora, dende que fixeron máis autovías e autoestradas, resúltanos máis difícil atopar un lugar no que estacionar para descansar, pois non fixeron nelas, consecuentemente, as áreas de servizo suficientes para todo o tránsito de camións que hai, que son moitísimos máis agora que hai 25 anos", cando el comezou a súa andadura na profesión. Así as cousas, lamenta que "non hai medios e, os que hai, son absolutamente deficientes e totalmente inseguros". De tal maneira que "ti antes podías durmir tranquilo en calquera sitio cun camión e agora é imposible, poden roubarche en calquer lado e tes que estar polas noites cun ollo aberto seguido", denuncia.
E é que, como afirma, actualmente "o roubo do gasóleo dos camións está á orde do día" e "todos os días se escoita falar de roubos a compañeiros". Por que? Na súa opinión, "a policía non conta cos medios suficientes e a lexislación é moi permisiva con este tipo de roubos, xa que se consideran furtos e roubos sen violencia, polo que as penas son irrisorias". Así as cousas, aos ladróns compénsalles entrar a roubar nos camións diversas cousas, máis aló do gasoil. "Agora mesmo tamén lles interesa roubar os palés de madeira nos que se trae pousada a mercadoría, porque pódense vender no mercado negro por uns 5 ou 8 euros", explica Antonio, que asegura que "calquera camión pode levar uns 30 palés deste tipo, polo que xa estamos falando de que, cun único roubo, poden sacar uns 150 ou uns 200 euros en limpo". Se a iso se lle suma "que che rouban outros 500 euros de gasóleo, todo vai sumando". Por cousas así, ás que habería que engadir o roubo da propia mercadoría, afirma que "os transportistas non podemos durmir tranquilos, temos que estar sempre cun ollo aberto polas noites".
Para garantir en maior medida a súa seguridade, "todos nos diriximos cara os mesmos lugares: as gasolineiras e estacións de servizo abertas 24 horas, con cámaras de seguridade", o que provoca que "estean sempre colapsadas". E é que, por desgraza, lamenta que este tipo de espazos son poucos e están moi distanciados os uns dos outros. A modo de exemplo, apunta ao traxecto Vigo-Benavente, no cal non hai ningunha estación de servizo na vía principal, só "gasolineiras ás que podes acceder para durmir saíndo do camiño máis rápido e tomando máis tempo na ruta", moitas das cales nin sequera están abertas durante a noite ou carecen de cámaras de seguridade, mentres que "áreas de servizo feitas polo Ministerio de Fomento ao longo de todo ese tramo non hai ningunha". Pola contra, asegura que si as hai na AP-9, pero "están sempre cheas, porque son as poucas que os camioneiros poden atopar vixiadas e abertas 24 horas". E por que precisan destas condicións? Porque, como apunta Antonio, "os roubos fixéronse tan comúns que agora mesmo o 100 % dos condicionantes das pólizas de transporte de mercadorías só che cobren os roubos se tes o camión en aparcamentos vixiados e abertos as 24 horas", de tal maneira que, "se ti estacionas nun polígono e che rouban, o seguro non cho vai cubrir e terás que pagar ti as perdas do teu peto".
"A FRASE QUE MÁIS TEN QUE ESCOITAR HOXE POR HOXE UN CAMIONEIRO É A DE 'AGARDE AÍ', SEN MÁIS EXPLICACIÓNS"
Máis aló dos roubos, para este camioneiro outra das circunstancias actuais que precarizou o oficio nos últimos tempos é o maltrato que se lles dá aos condutores que chegan a cargar ou descargar a mercadoría. "Agora chegas a calquera almacén e o encargado ou a persoa que está alí, descargador ou carretillero, quere mandar por enriba do chofer coma se fose lixo", cando "antes ti chegabas a un lugar a descargar e mesmo che ofrecían tomar un café, comer ou darte unha ducha". Neste senso, asegura que a frase que máis ten que escoitar hoxe por hoxe un camioneiro é a de 'agarde aí': "Veño descargar a mercadoría? Agarde aí; canto tempo teño que agardar? Agarde aí; podo ir comer? Agarde aí...". "E alí che deixan, sen saber canto tempo vas ter que agardar e sen ningún tipo de explicación, coma se foses un can", denuncia Antonio, que non entende "como un traballador que estea recibindo aos camións, xa sexa en Froiz, en Gadisa ou en Alcampo, pode tratar con semellante desprezo a outros traballadores que están ao seu mesmo nivel". Alo menos, no tocante ás descargas, que antes eran os propios camioneiros en moitos lugares os que tiñan que levalas a cabo, si se avanzou, de xeito que agora ten que haber traballadores específicos no destino para realizalas. "A lexilación nese sentido deulles bastante caña ás empresas, polo que non lles quedou máis remedio".
Para Antonio, tal e como está o sector, "conducir non é o que cansa, eu vou conducindo e vou encantado, o que cansa é chegar a un sitio para descargar e botar dúas, tres, catro, cinco, seis e ata sete horas agardando, como lle aconteceu esta semana a un compañeiro nun bazar chino". A problemática é tal que "en moitos casos os tránsitos son máis curtos que os tempos de descarga", lamenta. Ademais, en moitos lugares non hai espazo nin para agardar á descarga nas inmediacións da empresa. E pon o exemplo do que acontece no Froiz de Poio, que "conta cunha plataforma moi grande, pero non habilitou o aparcamento suficiente para acoller o volume de mercadorías que lle chega a diario", polo que "ti como camioneiro chegas alí ás sete da mañá e dislle ao porteiro que vas descargar e diche que tes que esperar, cando alí non o podes facer, entón teste que ir para o centro de Pontevedra ou para un polígono buscar un sitio". "Eles non son operativos para o modelo de traballo que teñen e para o volume de mercadorías que precisan acoller, pero dálles igual, porque tratan ao chofer coma se fose un can, dálles igual que coma ou non coma, que se lave ou que non se lave", critica este camioneiro.
"MOITAS VECES O PEOR SON AS HORAS DE PRESENZA, QUE CHE FAN COMEZAR ÁS 6 DA MAÑÁ E REMATAR ÁS 8 DA TARDE CON SÓ 2 HORAS DE TRABALLO EFECTIVO"
Estes problemas están a precarizar unha profesión para a que xa pouca xente quere ir. "A xente xa non é que cobre pouco ou que non lle guste o traballo en si, senón que está moi queimada polos problemas de seguridade e de trato que padece o sector e que se incrementaron moito nos últimos anos", lamenta Antonio. Ante esta situación, "xa dá igual o que paguen, non é unha cuestión de cartos, porque ás veces temos ofertas de traballo bastante interesantes, pero á xente con estas condicións non lle compensa ter que pasar tanto tempo fóra da casa ou non poder desfrutar de descanso nos domingos". Polo tanto, actualmente, este camioneiro recoñece que "falta máis xente na profesión" e amósase convencido de que "se o traballo fora máis digno, máis xente se interesaría por sumarse a este sector". E é que a nivel monetario, Antonio apunta a que "un condutor de internacional en Galicia pode cobrar uns 3.000 euros netos ao mes, aos que se lle poden restar uns 800 para comer e durmir algunha noite nunha habitación de hotel e non no camión, levando para casa limpos 2.200 euros cada mes". "En cantos traballos se cobra iso? Eu non coñezo moitos", plantexa, e reafirma que "o que acontece é que non compensan todo o sufrimento e os malos tratos actuais nin por 3.500 euros netos ao mes".
Outra problemática é que aínda que cada vez máis se demandan transportistas internacionais, este é o posto que menos camioneiros queren cubrir. "A xente quere traballar ao lado da casa e cobrar moito, e iso non pode ser, o equilibrio ten que estar nalgún sitio", explica Antonio, que asegura que "moitas veces neste traballo o peor son as horas de presenza", que "che obrigan a comezar ao mellor a traballar ás seis da mañá e acabar ás oito da tarde, pero cun tempo de condución efectivo en todo o día de 2 horas, mentres que todo o resto é tempo de espera". "Iso queima moito, estar dúas ou tres horas todos os días sentado no camión agardando, intres nos que non estás traballando como tal, pero tampouco estás dispoñendo do teu tempo libre para facer outras cousas fóra do camión", indica. Deste xeito, ao final as quendas de traballo vanse facilmente a 10 ou 12 horas diarias, pero sendo de traballo efectivo unicamente 6, e as outras 6 agardando e facendo tempo. E, por se isto non fose suficiente, súmase a elevada esixencia que actualmente teñen que cumprir os camioneiros no tocante aos tempos: "É brutal, se te encargas, por exemplo, dunha ruta de Alcampo, que non conta cun almacén de distribución en Galicia, polo que todos os días hai que traer tres camións con mercadoría dende Madrid, tes que saír ás oito da tarde de alá para chegar aquí ás seis da mañá, e como chegues ás sete porque paraches durmir ou descansar un momento, xa che están berrando".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.