Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/12/2024 | Actualizada ás 22:00
Cando pensamos en Galicia, o primeiro que se nos vén á mente é o verde dos nosos montes, unha cor moi característica da nosa terra e que non se atopa en abundancia no resto de España. E é que, grazas ao noso clima e á abundante choiva que cae durante gran parte do ano, case todo o noso territorio está cuberto por vexetación. Esa vexetación na súa maioría está formada por hectáreas e hectáreas de monte: case 2 millóns de hectáreas (1,05 millóns de hectáreas de superficie forestal arbolada e 922.934 hectáreas de superficie forestal desarbolada, é dicir, matogueiras e toxos, fundamentalmente). Deste xeito, e tendo en conta que Galicia componse de 2,96 millóns de hectáreas, menos dun millón corresponderían a superficie non forestal e, dentro dese millón, habería que incluír tanto os campos de cultivo como as casas e cidades. Por outra banda, unha das grandes problemáticas da nosa terra no que a xestión do solo se refire é que aínda que o 98,5 % do monte galego se atopa en mans de propietarios particulares, un amplo 40 % das fincas non teñen dono coñecido, de maneira que, finalmente, só unhas 500.000 hectáreas de terreo en total dispoñen de instrumentos de xestión ou ordenación, xa sexa a nivel de cultivo ou forestal.
No tocante aos usos das terras, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) correspondentes ao ano 2020 (os últimos dispoñibles), en Galicia hai actualmente 1.939.661 hectáreas de superficie forestal total (arbolada e non arbolada): 477.113 na provincia da Coruña; 638.191 na de Lugo; 537.995 na de Ourense; e 286.361 na de Pontevedra. Mentres que hai 693.672 de cultivo e pradairo: 207.857 na provincia da Coruña; 274.623 na de Lugo; 117.958 na de Ourense; e 93.234 na de Pontevedra. Deste xeito, pode comprenderse que na maior parte dos concellos galegos predomine o monte sobre a superficie de cultivo. Isto é así en 298 dos 313 concellos que conforman o mapa de Galicia (no 95 %). Sen embargo, hai 15 concellos (7 na provincia de Lugo, 3 na de Ourense, 3 na da Coruña e 2 na de Pontevedra) que rachan con esa norma e que contan con máis superficie de cultivo que forestal. Trátase de Sarria (9.778 hectáreas de cultivos fronte a 6.425 forestais); Cospeito (8.514 fronte a 3.704); A Pastoriza (8.286 fronte a 7.266); Castro de Rei (8.107 fronte a 7.111); Taboada (6.784 fronte a 6.423); Xinzo de Limia (6.321 fronte a 4.536); Paradela (5.433 fronte a 5.301); Mesía (4.719 fronte a 4.488); Boimorto (3.774 fronte a 3.587); Trasmiras (2.406 fronte a 2.135); Sandiás (2.357 fronte a 2.026); Betanzos (1.117 fronte a 794); Cambados (991 fronte a 562); Ribadumia (816 fronte a 687); e Rábade (209 hectáreas de cultivo fronte a 184 forestais).
CONCELLOS CON MÁIS EXTENSIÓN DE CULTIVOS: VILALBA, LUGO E LALÍN
Pero o feito de que estes 15 concellos conten con maior superficie de cultivo que de monte, non implica, necesariamente, que sexan os municipios galegos con maior superficie adicada ás colleitas. De feito, hainos que coinciden por provincias, pero tamén os hai que non, pois por exemplo, tomando o caso de Betanzos, Ribadumia, Cambados ou Rábade, ao tratarse de concellos de pequeno tamaño, resulta imposible que aínda tengo máis cultivos ca monte poidan alzarse coas primeiras posición en extensión de terreo adicado ao cultivo a nivel galego. Deste xeito, e por provincias, os tres concellos con máis cultivos en cada unha delas serían os seguintes: na provincia da Coruña, Santa Comba (9.422 hectáreas de cultivo fronte a 9.452 hectáreas forestais), Mazaricos (7.527 fronte a 9.143) e Arzúa (6.834 fronte a 6.958), todos eles de tamaño comprendido entre as 15.000 e as 20.000 hectáreas totais; na provincia de Pontevedra, Lalín (12.204 hectáreas de cultivo fronte a 16.759 forestais), Silleda (6.904 fronte a 7.449) e Rodeiro (6.075 fronte a 7.584), todos cun tamaño entre as 15.000 e as 33.000 hectáreas; na provincia de Lugo, Vilalba (14.699 hectáreas de cultivo fronte a 20.137 forestais), Lugo (12.380 fronte a 17.031) e Friol (10.382 fronte a 16.637), concellos que van dende as 29.000 ata as 38.000 hectáreas; e na provincia de Ourense, Xinzo de Limia (6.321 hectáreas de cultivo fronte a 4.536 forestais), Viana do Bolo (5.838 fronte a 18.800) e Vilardevós (2.965 fronte a 10.400), todos concellos de entre 13.000 e 27.000 hectáreas.
CONCELLOS CON MÁIS EXTENSIÓN FORESTAL: A FONSAGRADA, QUIROGA E A VEIGA
Agora ben, coñecidos cales son eses 12 concellos con maior superficie adicada ás colleitas, cales son os 12 con maior superficie forestal (explotada ou non)? Pois son concellos de gran tamaño que, en moitos casos, veñen a coincidir tamén cos máis grandes de cada provincia. No caso da provincia da Coruña, trátase das Pontes de García Rodríguez (con 17.364 hectáreas de superficie forestal fronte a só 2.847 adicadas a cultivos), Ortigueira (16.553 fronte a 3.498) e Vimianzo (12.575 fronte a 3.720); na de Pontevedra, serían A Estrada (18.150 hectáreas de superficie forestal fronte a 7.227 de cultivo), Lalín (16.759 fronte a 12.204) e Forcarei (11.708 fronte a 2.928); na de Lugo, trátase da Fonsagrada (34.181 hectáreas de superficie forestal fronte a 8.021 de cultivo), Quiroga (27.818 fronte a 1.990) e Cervantess (21.693 fronte a 4.586); e na de Ourense, estarían A Veiga (26.367 hectáreas de superficie forestal fronte a 1.977 de cultivo), Laza (20.282 fronte a 1.170) e Viana do Bolo (5.838 fronte a 18.800). Todos eles son concellos que van dende as 16.000 hectáreas (Forcarei), como mínimo, ata as 44.000 (A Fonsagrada), como máximo. Nestes concellos, polo tanto, adoita haber unha importante explotación da madeira, aínda que tamén, como acontece noutras zonas do territorio, hai abundante monte sen traballar e con propietario descoñecido.
CONCELLOS MÁIS GRANDES DE GALICIA: A FONSAGRADA, LUGO E LALÍN
E como está composto o terreo dos tres concellos máis grandes de cada provincia? No caso da provincia da Coruña, o concello máis grande en extensión é o das Pontes de García Rodríguez, coas súas 24.937 hectáreas (17.304 de superficie forestal e 2.847 de cultivo); seguido da capital galega, Santiago de Compostela, con 22.001 hectáreas (11.502 forestais e 5.581 de cultivo); e de Ortigueira, con 20.960 (16.553 forestais e 3.498 de cultivo). No caso de Pontevedra, atoparíase en primeiro lugar Lalín, con 32.696 (16.759 forestais e 12.204 de cultivo); logo estaría A Estrada, con 28.074 hectáreas (18.150 forestais e 7.227 de cultivo); e Forcarei, con 16.966 (11.708 forestais e 2.928 de cultivo). Pasando á provincia de Lugo, o primeiro concello con maior tamaño total sería A Fonsagrada, con 43.842 hectáreas (34.181 forestais e 8.021 de cultivo); seguido de Lugo, con 32.978 (17.031 forestais e 12.380 de cultivo); e de Quiroga, con 31.738 (27.818 forestais e 1.990 de cultivo). Finalmente, na provincia de Ourense os municipios de maior tamaño son A Veiga, con 29.049 hectáreas de extensión (26.367 forestais e 1.977 de cultivo); Viana do Bolo, con 27.041 (18.800 forestais e 5.838 de cultivo); e Carballeda de Valdeorras, con 22.269 (17.203 forestais e 1.307 de cultivo).
LUGO E SANTIAGO, CIDADES CON MÁIS MONTE; VIGO E A CORUÑA, CON MENOS
Finalmente, analizando a situación das grandes cidades, obsérvase que a que ten maior superficie tanto de cultivo como forestal é a cidade de Lugo, con 32.978 hectáreas de terreo das cales 17.031 son de superficie forestal e 12.380 son de cultivo. Séguelle Santiago de Compostela, con 22.001 hectáreas totais, das que 11.502 son superficie forestal e 5.581 son de cultivo. Logo estaría Pontevedra, con 11.822 hectáreas, das que 7.789 son forestais e só 689 de cultivo. E seguidamente atópase Ourense, con 8.455 hectáreas de extensión, das cales 4.738 son forestais e 1.218 de cultivo. E é que, aínda que por extensión, despois de Pontevedra estaría a cidade de Vigo, esta é unha das que menos superficie forestal e de colleitas mantén, con 10.906 hectáreas de terreo, das que só 3.707 son superficie forestal e 1.310 superficie de cultivo. No caso de Ferrol acontece algo semellante, pois con 8.265 hectáreas de terreo, só 3.949 son de uso forestal e só 758 se adican a cultivos. Finalmente, atopámonos máis do mesmo no caso da cidade da Coruña, con 3.783 hectáreas de extensión, das que 1.195 correspóndense a superficie forestal e só 346 a cultivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.