Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/12/2024 | Actualizada ás 09:00
O Culturgal, celebrado a principios de mes en Pontevedra, rematou coa presenza de 12.700 persoas, un éxito de participación que demostra o interese do público pola cultura galega e o auxe das industrias culturais en Galicia. Artes tan arraigadas como a nosa literatura compartiron protagonismo coa cultura dixital, a música, a ilustración, o teatro e o cinema.
O director, Camilo Franco, cualificou de "moi positiva" a resposta do público nunha XVII edición na que se pretendeu "poñer en contacto as diferentes culturas de Galicia e apliar os horizontes, ao tempo que se atraía a novos públicos".
Entre os contidos destacados, lembrar a presentación de "Bibopalula", primeira serie de animación musical en galego deseñada para a cativada de 3 a 6 anos --creada por Laura e Andrés Mahía e producida por Undodez e Televisión de Galicia--, os espectáculos para público infantil programados e a presenza de artistas como Xosé A. Touriñan ou Manuel Rivas.
O ramo puxérono as Pandereteiras Bouba cunha gran pandereitada promovida pola RAG en homenaxe á designación das pandereteiras para as Letras Galegas 2025.
PROGRAMA EUROPEO MATE
Un dos puntos de interese a salientar na edición de Culturgal 2024 que acolleu a programación foi o espazo profesional que formou parte do programa europeo MATE (música, arte, tecnoloxía e educación).
MATE tivo como obxectivo debatir no Culturgal sobre os desafíos das industrias culturais e creativas, ademais da relación entre Galicia e Portugal, despois do seu paso polo Festival Maré de Santiago.
Os espazos profesionais de MATE en Culturgal trataron temas como ‘Cultura e música: conflito e dereito polo ben común’, con Dani Granados, ou a repercusión da revolución tecnolóxica da Intelixencia Artificial na industria audiovisual, con Iván López Gimeno.
Houbo tamén ‘Sesión Bravú XXX’ con Xurxo Souto, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, explicou os avances do proxecto Memoria dixital de Galicia.
Celebrouse por outra parte o obradoiro de danza impartido por Artur Puga, e a mesa redonda ‘Galicia / Portugal. Relacións culturais internacionais ou domésticas?’, con Gonzalo Constenla, director da EOI Santiago; Francisco Macías, editor de Edicións Positivas, e Susana Álvarez Martínez, do Conselho da Associaçón Galega da Lingua (AGAL), entidade observadora consultiva da Comunidade de Países de Língua Oficial Portuguesa (CPLP).
O espazo incluiu a ponencia ‘Relacións culturais internacionais ou domésticas? Sesión 2’, con MJ Pérez, de ‘Lá para cá’, programa de música galego/portuguesa da Radio Galega, e Zé Paredes, dramaturgo, rematando o espazo coa mesa ‘Xornalismo cultural de proximidade’, con Belén López e Susana Pedreira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.