Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/02/2016 | Actualizada ás 19:18
Varios dos persoeiros do BNG que discrepan coas teses propostas para a próxima Asemblea compareceron hoxe diante da prensa. Estas voces discrepantes cos postulados que defenden a Unión do Pobo Galego e o Movemento Galego ao Socialismo anunciaron que non presentarán unha lista candidatura á oficialista, que lidera Ana Póntón. O prazo para presentar unha candidatura alternativa remataba precisamente hoxe.
Agora ben, estas persoas animaron aos militantes a participar na Asemblea Xeral da Coruña para que a promesa de refundación do BNG -explicitada nas teses oficiais- non quede nun simple lavado de imaxe. A actualización do BNG non pode implicar un simple “eslongan”, segundo argumentou Alba Nogueira, profesora da Facultade de Dereito da USC.
Canda ela compareceron Carme Adán (a deputada autonómica que foi número 1 por Pontevedra nas eleccions xerais), Olaia Fernández Dávila (exdeputada do BNG no Congreso) e Tereixa Paz (deputada no Parlamento de Galicia) e outros militantes. Este grupo non ten unha estrutura organizada, pero varios dos seus membros son autores dos votos particulares que se discutirán esta fin de semana.
Sobre a estratexia electoral, Paz reclamou que na Coruña non se peche definitivamente a porta a un pacto coas mareas. Postulado que tamén defende o actual voceiro nacional, Xavier Vence,e a corrente interna Abrente.
Os comparecentes no acto deste luns aseguraron estar en contacto con Abrente, pero polo de agora o principal referente de Abrente, o exvoceiro parlmaentar Carlos Aymerich, non compareceu ante os medios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.