Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/03/2016 | Actualizada ás 16:00
Un asociado da Unión de Consumidores de Galicia acaba de obter unha sentenza favorable que condena ao Banco Sabadell á devolución íntegra de tódalas cantidades cobradas en virtude dunha cláusula chan desde a sinatura da hipoteca.
Esta sentenza obriga á entidade bancaria a deixar de aplicar a cláusula chan e a restituír tódalas cantidades cobradas en exceso desde o ano 2008, cos xuros legais devengados por cada unha das cotas, ata a data da reclamación xudicial.
O caso remóntase a agosto de 2014, cando Unión de Consumidores de Galicia dirixiu unha reclamación ao Banco Sabadell reclamando que deixase de aplicar a cláusula chan así como a devolución das cantidades cobradas de máis desde a sinatura da hipoteca. "Malia a boa vontade tanto do consumidor como desta organización, a entidade bancaria respondeu a estas peticións cunha actitude que esta organización só pode cualificar como prepotente e de absoluto desprezo aos dereitos do seu asociado, máxime nun contexto no que o Tribunal Supremo xa se pronunciara sobre este asunto", explica a asociación galega.
Malia contestar á Unión de Consumidores de Galicia que procedía a deixar de aplicar a cláusula chan, Banco Sabadell continuou aplicándoa e cobrando uns xuros indebidos ao seu asociado, quen se negaba a aceptar renegociar o contrato nos termos que Sabadell pretendía impoñerlle. Esta actitude foi contestada pola Unión de Consumidores de Galicia e o seu asociado coa presentación dunha demanda cuxa posterior sentencia estima integramente as peticións do consumidor.
A Unión de Consumidores de Galicia destaca nunha nota informativa a "arrogante conduta dunha entidade financeira que ate o último momento, mesmo coa demanda xa presentada, pretendeu obrigar ao consumidor a aceptar unha modificación do contrato cuxos termos foron rexeitados desde o primeiro momento". Unha actitude que, para esta asociación, é "similar a de outras entidades, como Banco Popular,que malia as reiteradas e contundentes resolucións do Tribunal Supremo seguen resistíndose ao seu cumprimento".
UCGAL considera que con independencia do que resolva o TXUE, as persoas que teñan unha hipoteca que inclúa unha cláusula chan poden plantexar a defensa dos seus intereses e reclamar as cantidades cobradas indebidamente desde a data de sinatura do préstamo. Con esta finalidade, prepara unha serie de actuacións informativas en toda Galicia que empezarán a impartirse desde o mes de abril.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.