Fermín Muguruza: “EH-Bildu vai ter a maioría dos votos en Euskadi mais PNV e PSOE non lle deixarán gobernar"

Fermín Muguruza (Irún) aterrará en Compostela o 15 de marzo dentro da xira polos seus corenta anos tocando, creando filmes, cómics e comprometéndose politicamente. Sobre este aspecto e sobre todo, como a música e a arte en xeral pode ser unha arma contra o fascismo, falamos con el. Tamén do seu compromiso coas frontes populares amplas, caso de EH-Bildu e da necesidade de crear cantas máis mellor para frear a ultradereita. Sobre Galicia espera que os movementos sociais poidan frear Altri e lle dean unha lección de democracia á clase política

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2025 | Actualizada ás 08:58

Comparte esta noticia

 

Fermín Muguruza en Compostela
Fermín Muguruza en Compostela | Fonte: Iago Lourido

Os últimos ataques que me fixeron foron as acusacións contra o equipo docente dun instituto do País Valencià por pintar un mural coa miña cara

 

-Ese foi, pois, o xermolo de todos estes concertos.  
Xusto, porque dixen: “vou facer un concerto, vou responder con máis cultura para celebrar estes corenta anos”. Quixen facelo en Bilbao, logo dese concerto fixen outro tamén na mesma cidade pois a demanda foi moi grande. Isto deume a idea de preparar unha xira por todos os países do mundo onde estiven antes e, por suposto, non esquecín Galicia e por iso o 15 de marzo vou estar aquí.

-Reivindicas a libre expresión mais que sentes como artista e como persoa diante da vaga de ultradereita tanto en Europa como a presente nos EEUU? Como pode afectar a xente coma ti, a creadores e artistas defensores da liberdade creativa e de ideas?
A situación é alarmante, sobre todo pensando no presidente do imperio, no presidente do mundo. Isto tráeme á memoria unha canción 'O verdugo é o home das mil caras' (Borreroak baditu milaka aurpegi) onde había un verso que dicía: “eu tamén quero votar quen será o meu verduto”. Neste caso, o verdugo que nos toca é Donald Trump, toca Elon Musk quen será o vindeiro presidente de EEUU, non pode quedar onde está.

Fermín Muguruza na rúa de San Pedro, en Compostela
Fermín Muguruza na rúa de San Pedro, en Compostela | Fonte: Iago Lourido

Angela Davis dixo nunha conferencia en Barcelona: “a esperanza é unha disciplina que se debe traballar a diario”

-Elon Musk non pode ser presidente de EEUU, non é americano de nacemento.
(Risas) Algunha trampa fará, buscará unha para quedar de presidente por esa ansia de poder, non lles chega con seren multimillonarios. Manipulan, fan o saúdo fascista sen vergoña e logo Milei regálalle a Musk a súa motoserra. Imos ir a Buenos Aires e alí usaremos o lema “Machadas vascas contra as motoserras”. Debemos usar o humor como dicía Antón Reixa: “a retranca é a arma dos galegos”, pois nós debemos usar ese sentido do humor. E iso está acontecendo tamén ao pé de nós, no País Vasco Norte (Iparralde) tiveron que volver á Fronte Popular, a esa unión de toda a esquerda para que a ultradereita non subise ao poder. Ou mira Alemaña onde a AfD pasou a ter o dobre de votantes mais non só iso, senón que o propio candidato da CDU, Merz, é un ultraconservador que tamén poderiamos consideralo de ultradereita, logo aí temos a suba de Vox e a reunión da ultradereita que organizou en Madrid. Todo isto é alarmante e por iso pregunto: como podemos as persoas que vivimos ataques á liberdade de expresión podemos axudar ás novas xeracións? Como podemos facelas conscientes deste atropelo que vén? Pois practicando co exemplo, vindo tocar con estes concertos para crear aquelarres antifascistas. Tampouco debemos caer na autocensura, ese medo a “que vou dicir, que non vou dicir”. A vella escola somos nós, máis do que padecemos non imos padecer, ou vannos levar presos agora? Somos nós, aqueles chegados do franquismo, dunha dictadura militar, os que debemos aprender aos novos. Eu recuperei a miña lingua porque ma prohibiron durante a ditadura, por iso canto en euskera, aquí vou cantar en euskera.

-Hai que darlles referentes ás xeracións máis novas, entendo.
Teñen que ter referentes como os tiven eu e a miña xeración. Os meus referentes foron a nova canción en euskera, unha lingua prohibidísima e nuns concertos clandestinos onde non sabías se ías saír a paus dos “grises” e tamén estaba prohibida a “ikurriña”. Tamén tiven como referente a música folk dos EEUU contra a guerra do Vietnam, a música negra do movemento polos dereitos civís, todo o soul, a Motown e logo a música sudafricana con Miriam Makeba, Fela Kuti en Nixeria, e logo todos os cantautores cataláns, galegos e vascos, logo chegou o punk cunha actitude rompedora dicindo “temos cousas que contar e imos contalas”. Todo iso podemos mostralo como referencia para as novas xeracións, The Clash, Dead Kennedys ou os Bad Brains, todo iso foi o que nos abriu a cabeza.

Imos ir a Buenos Aires e alí usaremos o lema “Machadas vascas contra as motoserras”

-Política y socialmente como ves Euskadi tanto no marco estatal e no europeo, vela como unha sociedade aberta e socialmente desenvolvida, un país forte dentro do contexto onde está situada?
O que é o País Vasco, Navarra e o País Vasco Norte, todo iso, segue sendo un país en creación. Estamos divididos por dous estados e temos tres gobernos autónomos, cousa que nos condiciona dalgunha maneira. Coa parte Norte, Iparralde, que está dentro da Aquitania, temos un euroacordo para que haxa unha mínima lexislación dentro das tres provincias vascas que están dentro de Francia. Mais creo que estamos facendo un gran traballo con EH-Bildu (Unidade Popular), cuxos referentes son as unidades populares latinoamericanas, sobre todo fixándonos na Fronte Ampla de Uruguay. Son necesarias esas frontes amplas onde se poida converxer cun programa común a pesar das diferenzas. Con isto quero dicir que EH-Bildu ten a alcaldía de Pamplona, en Euskadi vai ser a que máis votos teña mais non gobernará pola coalición PNV-PSOE e no País Vasco Norte, Iparralde, xa estamos conseguindo as primeiras alcaldías. Nós vimos do movemento municipalista, o poder máis próximo ao pobo é o do concello. Isto é o que temos defendido mesmo con xente dun sector libertario moi grande do que me sinto moi achegado, mais a súa participación nos gobernos vascos necesitaba unha negociación. Agora, iso si, teño moi claro que non se pode deixar ningún espazo político a ningunha organización fascista que pode gañar espazos de poder e para que isto sexa así, tes que estar apoiar organización política. Eu por iso apoio o traballo de EH-Bildu, a pesar das críticas chegadas por diversos temas, mais insisto, no Iparralde conseguimos as primeiras alcaldías en colaboración cos Verdes, co Novo Partido Anticapitalista de Philippe Poutou, é dicir, organizacións que non son independentistas mais teñen claro que debe existir unha fronte ampla.

Non debemos practicar a autocensura, ese medo "a que vou dicir ou que non vou dicir"

-A ti non te sorprende que dentro de movementos independentistas de nacións sen estado existan grupos fascistas, mesmo raciscas, poño por caso Aliança Catalana?
Estou totalmente en contra de calquera movemento fascista, á parte, a capacidade de sorpresa funa perdendo cos anos (risas). Coñecía algo do de Cataluña, mais eu, antes de nada, son antifascista e con iso constrúo realidades e estou a favor do dereito de autodeterminación dos pobos. Estiven en Cataluña defendendo que puidesen votar e votasen independencia, se puideramos votar no País Vasco, votaría independencia. Porén, é un traballo de cada territorio destruír esa lacra que é o fascismo, que é o racismo e que haxa expresións de tipo fascista e racista, tanto me ten de onde veñan, son xente a quen combater.

-No CPXG tamén falaches sobre a cuestión de Altri e lembraches o 'Prestige'. Cal é a impresión que levaches con estes movementos sociais?
O movemento arredor do desastre polo 'Prestige' coñecino de perto, daquela estaba facendo unha xira con Manu Chao por Galicia, mais tamén participamos na manifestación que se ía celebrar en Bruxelas convocada polo movemento 'Nunca Máis' en contra das metiras que dicía o goberno daquel momento. Desde aquela non vira un movemento social como o nacido agora con Altri, e isto demostra que ás veces caemos no pesimismo e nesa idea de “perdemos a rúa” mais, de súpeto, hai unha chispa que o prende todo. Os movementos sociais volven mobilizarse contra esa desmoralización e, cando menos o esperas, hai un movemento na rúa que o remexe todo e eu creo que vai haber bos resultados. Creo que este movemento contra Altri vai arrastrar a moita xente para dicir “Altri Non”.

Non se pode deixar espazo ao fascismo, por iso traballo con EH-Bildu

-Cal é a fórmula para manter as ideas sempre frescas, sempre anovadas e, por outra parte, ves moitas diferenzas entre o público máis novo de hoxe con respecto ao público dos comezos na túa carreira?
Sobre o público podo dicir que non esperaba atraer con esta celebración, con este discurso, a xente tan nova aos concertos, de dezaseis até os vinte e cinco. Canda eles viñan persoas que seguiron o punk que se facía no País Vasco cando tiñan vinte anos e agora andarán polos 70 anos, son concertos interxeracionais. Sobre como manter as ideas frescas, a resposta é que non perdín o contacto con colectivos de xente, con esa comunidade á que pertenzo e ten afinidade co que eu promulgo. Non perdín contacto porque seguín facendo filmes e funllos presentar, fixen cómics tamén editados en galego. Entón, vou a palestras ou reunións e logo quedo asinando discos ou cómics e a xente vaime contando as súas historias e veñen coas súas crianzas para facerse fotos. Cando estiven no último Viñetas desde o Atlántico, viñeran os da Brigada da Coruña, xente moi activa, que facían fanzines e programas de radio, pois viñeron coas súas crianzas coa primeira pancarta de Negu Gorriak e a foto que fixemos é preciosa, pois hai unha xeración de mozos e mozas orgullosos dos seus pais e nais. Iso é o que me renva as ideas, iso e que me conten historias. Aínda máis, quedei con Manel Cráneo, un grande contador de historias e vai editar o primeiro libro de Black is Beltza que se editou hai once anos, e vaino editar en galego e iso é un activista. Tamén foi unha sorte percorrer países e coñecer xente como Angela Davis nunha conferencia en Barcelona, unha persoa que che quita a preguiza con frases como: “a esperanza é unha disciplina que se debe traballar a diario”. O meu combustible é a comunidade á que pertenzo e as súas historias, que me digan se están ben por que están ben e se están mal por que están mal.

-Que che dixo Joseba Sarrionandia cando lle cantaches en directo 'Sarri, Sarri'?
(Risas) Vou contar unha historia que ninguén sabe. Cando Piti (Iñaki Pikabea) escapou volvérono prender e botou outros vinte anos na cadea. Logo de saír foi a Cuba ver a Sarrionandía e daquela eu tamén estaba en La Habana, xuntámonos e alí toquei un 'Sarri, Sarri' acústico para os dous, algo moi emocionante. Cando Sarrionandia volveu, deu palestras, ten moitos premios, mais el nunca escoitara a canción nun concerto onde a tocara eu. Agora el vive en Durango e foi ao concerto que demos alí, el colocouse no anfiteatro e aí eu dixen: “xa o avisei que cada vez que tocamos 'Sarri, Sarri' é como se houbese un terremoto, espero que agora a cousa non baixe”. Entón o público comezou a bailar como nunca e a Sarrionandia quitáronlle unha fotografía onde podes velo cunha cara de felicidade desas que contaxia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta