TVG condenada a rectificar no Telexornal unha noticia errónea sobre a ausencia do BNG nun acto de Castelao

A sentenza dá a razón ao Bloque na súa demanda contra o ente público ao recoñecer que ten dereito a que a información sexa rectificada dentro dos seus espazos informativos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2025 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O xulgado de primeira instancia número 5 de Santiago de Compostela condenou ao director da Corporación Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, a rectificar no Telexornal unha noticia errónea emitida o pasado mes de xaneiro na que aseguraban que o BNG non enviara representación a un acto organizado pola Xunta e a Fundación Castelao con motivo do inicio do 'Ano Castelao', onde si estiveron varios cargos da organización frontista.

A sentenza, asinada o martes 25 de febreiro e que foi difundida este xoves, dá a razón ao Bloque na súa demanda contra o ente público ao recoñecer que ten dereito a que a información sexa rectificada dentro dos seus espazos informativos, pois ve insuficiente a mensaxe publicada en redes sociais da TVG na que recoñecían o erro. "Non pode atribuírse relevancia semellante a un comunicado efectuado a través das redes sociais xa que nin ten o mesmo formato nin a difusión que poida alcanzar un espazo audiovisual e tampouco poden compararse os destinatarios da información", subliña a sala.

O fallo obriga á CRTVG a emitir a rectificación no Telexornal Mediodía (mesmo espazo onde foi emitida a noticia) no que deberán dar lectura a unha carta enviada polo BNG na que trasladaban a súa queixa polo ocorrido. Terán que facelo nun prazo de tres días unha vez sexa asine a condena, que non o é aínda ao caber recurso de apelación contra a sentenza. Tras coñecerse a sentenza, a viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil expresou que a resolución "fai prevalecer a verdade e os dereitos da sociedade galega a contar con medios de comunicación públicos plurais, veraces e obxectivos". "Hoxe damos un paso máis na defensa e no rescate dos medios públicos de Galicia", engadiu a deputada no Parlamento galego.

NOTICIA ERRÓNEA

O luns 24 de febreiro os xulgados da capital galega acolleron a vista pola demanda interposta polo BNG contra a CRTVG pola emisión nos seus informativos televisivos de mediodía do 10 de xaneiro na que afirmaban que a formación nacionalista se ausentou do acto organizado o pasado martes pola Fundación Castelao con motivo do 75 aniversario do falecemento do político e intelectual rianxeiro. A peza, incrustada entre o parte meteorolóxico e a información deportiva, iníciase cunha locución do presentador na que asegura que o BNG "non estivo" no acto do pasado luns no Panteón dos Galegos Ilustres, ao que asistiron, entre outros cargos da organización nacionalista, a súa viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

A entradiña do presentador do informativo da televisión pública galega dá paso a unhas declaracións do conselleiro de Cultura, José López Campos, nas que critica ao Bloque por organizar "un acto paralelo" en Pontevedra en honra ao intelectual morto no exilio en 1950. A emisión deste contido provocou a reacción da formación nacionalista, que remitiu unha carta ao director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, na que demandaba unha rectificación "inmediata" por tratarse dun "bulo" e unha "groseira manipulación" da que ven "cómplice" ao conselleiro de Cultura.

Uns 20 minutos despois do traslado aos medios de comunicación do envío desta queixa oficial por parte do BNG, a conta da CRTVG na rede social 'X' publicou unha mensaxe nas que rectifica o contido da peza emitida horas antes no Telexornal. "A CRTVG fíxose eco hoxe da controversia pola existencia de dous actos polo 75º aniversario do falecemento de Castelao, celebrados o mesmo día. Na introdución desta noticia no noso Telexornal Mediodía díxose que non asistisen representantes do BNG a un deses actos, o da Fundación Castelao", sinala en primeiro lugar a mensaxe da conta do ente público. A continuación, recoñece que ese "dato" é "evidentemente un erro", dado que "na propia información" emitida o día 7 de xaneiro da cobertura do acto celebrado en Santiago a TVG "ofreceu varios planos" de Olalla Rodil e de Goretti Sanmartín durante a súa celebración.

RECTIFICACIÓN INSUFICIENTE

Pero a rectificación en redes sociais da CRTVG non é suficiente nin tampouco existen "probas" que acrediten, como alegou a súa representación legal, que se emitiu no noticiario nocturno unha desculpa, como incide o tribunal santiagués, que entende que esta debe ser emitida no mesmo soporte e espazo onde se difundiu o erro para alcanzar, así, a mesma audiencia. Ademais de recoñecer que si había presenza do BNG no acto e que difundiron unha información falsa, os espazos informativos do ente público terán que dar lectura a parte da carta remitida pola organización política tras a emisión do Telexornal do 10 de xaneiro na que manifestaban o seu malestar e esixían unha rectificación. O tribunal exclúe unha fracción desa misiva ao considerar que inclúe "reflexións críticas que non conteñen un substrato fáctico necesario para acreditar o erróneo da información ofrecida". "Por moi lexítima que resulte a crítica efectuada non procede a súa incorporación á rectificación", conclúe a sentenza.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo / CAPTURA (PARLAMENTO DE GALICIA) - Arquivo / Europa Press
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo / CAPTURA (PARLAMENTO DE GALICIA) - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta