Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2025 | Actualizada ás 19:32
O Parlamento de Galicia aprobou este xoves a Proposición Non de Lei do Grupo Popular que insta á Xunta de Galicia, en colaboración coa Fegamp, a promover a aplicación do protocolo contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas en espazos de lecer nocturno.
A iniciativa, que non contou cos votos a favor do BNG, sumou unha transacción do Grupo Socialista na que se pedía o desenvolvemento de accións de información, prevención e sensibilización en materia de violencia sexual e trata con fins de explotación sexual.
A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, explicou que esta iniciativa se enmarca no contexto das políticas que leva a cabo a Xunta para a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero.
Neste sentido, lembrou que o Goberno galego aprobou o pasado 11 de xaneiro o protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI-fóbicas nos espazos de lecer nocturno, "co obxectivo de tolerancia cero ante calquera tipo de violencia e que busca previr, detectar e saber como actuar ante calquera caso que aconteza".
"Queremos facer de Galicia un lugar seguro e contar con todas as ferramentas posibles para loitar contra a violencia", indicou Arias, que sinalou que "se busca xerar un modelo de lecer nocturno seguro e libre de violencias".
O protocolo promove que os establecementos desenvolver iniciativas propias de prevención e sensibilización, comprometéndose a non contar con publicidade ou criterios de acceso ao local discriminatorios e sexistas.
En canto á detección, bríndase ás profesionais pautas para recoñecer manifestacións violentas, ben relacionadas coa presenza de imaxes ofensivas no recinto ou coa linguaxe sexista ou de contacto físico ou intimidatorio. En caso de ter que actuar, o protocolo ofrece pautas comúns para seguir por parte dos profesionais, que centran a atención na vítima ante unha situación potencialmente perigosa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.