Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/04/2016 | Actualizada ás 14:45
A Unidade Mixta CIGAT (Centro de Innovación Galego de Sistemas Avanzados de Tratamiento de Agua) - impulsado pola empresa do sector da auga Viaqua e o centro tecnolóxico Cetaqua Galicia - presentouse hoxe en Santiago.
O novo centro tecnolóxico busca loitar contra a contaminación das augas e explotar de xeito sustentable os recursos hídricos mediante novas tecnoloxías. Entre elas, está o uso da nanotecnoloxía.
En concreto, dúas son as liñas de investigación que se desenvolverán no CIGAT. Por unha parte, os sistemas de tratamento descentralizados, para achegar solucións á depuración de augas residuais e alternativas á xestión convencional. E por outra, achegar solucións tecnolóxicas para a eliminación de contaminantes emerxentes das augas a través de micro e nano-compostos no ciclo integral da auga.
Viaqua assegura que a «creación da Unidade Mixta CIGAT supón un paso máis cara a vontade de construír novos modelos de colaboración público-privada para situar Galicia na vangarda da innovación tecnolóxica no sector da auga». No CIGAT tamén participa a Xunta a través da Consellería de Industria.
Os promotores explican que ao longo dos vindeiros tres anos investirán 2 millóns de euros, xerando seis postos de traballo cualificados en Compostela. A Axencia Galega de Innovación (GAIN) aportará o 30% deste investimento.
O acto de inauguración e presentación tivo lugar nas instalacións no Edificio Emprendia, no Campus Sur da USC, en Santiago de Compostela, e foi presidido polo Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.
Contou tamén coa asistencia do Reitor da USC, Juan Manuel Viaño; o Director de Viaqua, Julio Masid; o xerente de Cetaqua, Alberto Sánchez; Roberto Rodríguez, Director de Augas de Galicia; Manuel Varela, director de GAIN; Ismael Olmedo, Área Manager Centro-Norte Suez Concesións Ibéricas; Manuel Cermerón, Director de Estratexia e Desenvolvemento de Agbar; representantes do CSIC; e numerosos invitados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.