Por Galicia Confidencial | Poio | 22/04/2016 | Actualizada ás 08:58
Seguen as dimisións dentro do BNG. A última, a de Silvia Díaz, até agora concelleira de Cultura no Concello de Poio, que anunciou que presentou a súa baixa e abandona o goberno municipal pola negativa do seu partido a explorar unha posible vía de confluencia con En Marea e outras forzas políticas.
“Lamento que a liña do BNG non vaia por ese camiño", dixo en declaracións aos medios nos que dixo non entender que os nacionalistas deben apostar por unha política "útil, áxil e que responda as necesidades da cidadanía", algo que na súa opinión non pode facer en solitario senón que "hai que ser valente e reunir a forza suficiente para plantar cara ao PP".
A edil, próxima á corrente Abrente do exdiputado Carlos Aymerich, explicou que a pesar da súa baixa no BNG ofreceuse a continuar no goberno municipal como independente, pero o Consello Local do partido concluíu que "non era aceptable" esa posibilidade. "Acato e respecto a decisión da organización. Sabía que podía pasar isto, era unha opción posible pero desde logo a peor de todas", sinalou.
Silvia Díaz anunciou ademais a súa intención de acabar o mandato como concelleira non adscrita porque "sigo compartindo ao 100%" o programa co que se presentou ás pasadas eleccións municipais "e polo que fun elixida concelleira".
Esta decisión non altera as maiorías existentes no Concello de Poio que, con esta saída do grupo de goberno, quedan cun executivo formado por seis edís do BNG e tres do PSdeG-PSOE, fronte á oposición que pasa a estar integrada por sete concelleiros do PP e por Díaz como non adscrita.
Pola súa banda, o alcalde de Poio, o nacionalista Luciano Sobral, manifestou que "respecta pero non comparte" a decisión de Silvia Díaz de abandonar o BNG, algo que recoñeceu deixa unha "pequena ferida" no goberno municipal. Por iso, pediulle a Díaz que entregue a acta de concelleira para que "outro compañeiro teña a oportunidade de traballar dentro do equipo".
"Parécenos que o máis ético, o máis coherente e o máis responsable sería que deixase paso a outra persoa da candidatura", insistiu Sobral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.