Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/05/2016 | Actualizada ás 09:00
O BNG está disposto a pactar con Anova, pero con esixencias. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dixo que se esta formación “e Beiras rompen con Podemos, mañá mesmo temos unha candidatura de unidade nacionalista".
"A unidade do nacionalismo é importante para o futuro de Galicia", dixo ao considerar un "erro estratéxico" que organizacións dese ámbito “se dilúan en forzas de ámbito estatal”. Nunha entrevista na Radio Galega, Pontón lamentou que a ausencia da súa formación no Congreso relegou a Galicia no debate aberto no ámbito estatal . Así, lembrou que "Galicia non pintou nada e os grandes temas non formaron parte das súas prioridades".
Neste sentido, lembrou que o Bloque xa advertira de que En Marea non podería constituír grupo propio na Cámara. "Desde logo, creo que os que fracasaron nas negociacións non deberían volver presentarse ás eleccións, que debería haber por tanto unha renovación importante nese ámbito", dixo.
Por outra banda, e sobre as recentes baixas de cargos nacionalistas, como as de Manuel Antelo ou Carlos Aymerich, dixo que eran unha “mala noticia, algo que me entristece”. “En todo caso, o BNG sigue sendo o mesmo de antes", indicou.
"Houbo algunhas persoas que decidiron deixar a súa militancia pero tamén hai persoas que deciden incorporarse. O BNG é unha organización sólida, con milleiros de militantes, con centos de concelleiros no noso país, cunha traxectoria e unha realidade vigorosa en Galicia e hai moitas persoas que neste momento entenden que o que hai que fortalecer é o BNG e o nacionalismo", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.