Morre un dos referentes dos monicreques galegos

Alfonso Silvent, fillo de “Barriga Verde” foi unha das últimas persoas que manipulou estes nonicreques.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 16/06/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Alfonso Silvent, fillo de José Silvent "Barriga Verde", e unha das últimas persoas que manipulou os monicreques desta obra tradicional, faleceu a pasada noite.

Alfonso Silvent, un dos últimos grandes artistas en manipular os monicreques Barriga Verde
Alfonso Silvent, un dos últimos grandes artistas en manipular os monicreques Barriga Verde | Fonte: Barriga Verde

Alfonso foi un feirante de raza, como amosa o feito de ter nacido nas festas de Bouzas, onde actuaba a súa familia, en 1931. Ao longo da súa vida, para alén de traballar no espectáculo familiar, levou tiros, tómbolas e practicou a venda ambulante entre outras ocupacións.

A Asociación Cultural Morreu o Demo lembra a súa importancia decisiva na recuperación da memoria desta peza de títeres populares.

“Malia a que a súa saúde levaba anos xa mermada, Alfonso amosaba o seu carácter de home de espectáculo. Sempre imos lembrar o xeito no que semellaba coller vida cada vez que saía falar dos seus tempos de feirante. Como de socato semellaba capaz de aturar horas en eventos e encontros. O xeito no que se erguía, como se lle aclaraba a voz e estaba sempre disposto a botar man da palleta e facer unha demostración onde fixese falla. A inauguración do Museo da Marioneta de Lalín, o Café da Memoria, as presentacións de libros, catálogos e DVDs, a exposición De feira en feira… a todo se apuntaba e a todas partes levaba a súa memoria, o seu humor e a súa forza”, escriben na Barriga Verde.

A súa xenerosidade e colaboración constante facilitou que un material que era memoria familiar se poida incorporar ao patrimonio inmaterial común.

O enterramento será este xoves, 16 de xuño, no cemiterio parroquial de Lérez, onde residía coa súa familia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta