O Brexit xera incerteza entre galegos residentes no Reino Unido

Falamos con varios emigrados a Manchester sobre o referendo que deu como resultado a saída do Reino Unido da Unión Europea. Tristura, decepción, preocupación, incerteza e algo de medo a un posible auxe da xenofobia marcan o estado de ánimo post-referendo entre a comunidade galega. Con todo, tamén se pide calma.

Por Alberto Quian | Manchester | 28/06/2016 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

Estamos en Manchester, a cidade na que se iniciou a revolución industrial e unha das máis dinámicas e cosmopolitas do Reino Unido. Esta urbe e a súa área metropolitana —o Greater Manchester— acollen unha importante colonia de emigrantes galegos, na súa maioría mozos e mozas que chegaron a terras mancunianas na procura dun futuro máis prometedor do que lles agardaba en Galicia, nun país onde a taxa de paro é do 5% —e só do 3,7% entre maiores de 25 anos— e cun dos mellores sistemas de protección social de Europa. Porén, o estatus destes galegos e do resto de inmigrados da Unión Europea podería cambiar radicalmente no futuro máis próximo. O Brexit, é dicir, a saída do Reino Unido da UEaprobada en referendo o pasado 23 de xuño por apenas o 52 por cento dos británicos que participaron na consulta convocada polo primeiro ministro conservador David Cameron—, é o maior golpe ao proceso de integración en Europa tras a Segunda Guerra Mundial. Pero o certo é que este broucazo británico vén principalmente dos maiores de 50 anos e das zonas rurais e cidades máis pequenas do país. Os máis mozos e practicamente todas as grandes cidades do Reino Unido —incluída Manchester— votaron a prol de manterse na UE. A fractura entre o vello e o moderno Reino Unido é patente. E o futuro dos emigrados galegos e dos preto de dous millóns de traballadores da Unión Europea no Reino Unido é agora unha incógnita. Entre a comunidade galega en Manchester téntase dixerir o resultado, non sen incertezas, preocupación, algo de medo e críticas, pero tentando manter a calma e coa esperanza de que a situación sexa menos dramática para eles da que pintan dende sectores populistas da ultra dereita británica, liderada polo UKIP, partido que é o principal instigador da corrente isolacionista e anti-inmigratoria no Reino Unido. 

Centro de Manchester, Reino Unido.
Centro de Manchester, Reino Unido.

Marcos Vázquez Trillo é un dos principais dinamizadores da comunidade galega en Manchester. E tamén unha das voces que máis tentou poñer calma no grupo.

Como valoras o resultado do referendo?

En primeiro lugar quero felicitar ao pobo e ao Goberno británico por este exercicio de democracia. Gústennos ou non os resultados, deben ser aceptados. Púxolle valor (aínda que seguramente calculou mal as posibilidades) David Cameron preguntándolle ao pobo que quería facer, indistintamente dos motivos que o levaron a convocar este referendo, de como transcorreu logo a campaña, de se os que querían quedar fixeron dabondo ou de se os que querían marchar xogaron sucio por veces, etc. Non son eu precisamente pro Cameron, pero recordemos que moitos dos líderes políticos do Estado do que provimos veñen de declarar apenas unhas horas despois de coñecerse o resultado que eles nunca farían un referendo así, que a culpa é de deixarlle decidir á xente aqueles asuntos que deben decidir os políticos... Inaudito. Pero isto que é? O pobo é quen máis ordena, iso si, mellor un pobo preparado e con conciencia crítica.

Dito isto, para min non foi unha sorpresa. Gústame moito o comportamento inglés no relativo a que non teñen ningún problema nin reparo en responder sobre que ou a quen van votar. Estas semanas atrás fixen a miña enquisa particular na empresa onde traballo, e polas respostas que me ían dando xa esperaba o resultado. O primeiro que sinto e creo que sentimos a meirande parte dos galegos é incerteza por ver ou saber que vai pasar. Pero é que de momento ninguén o sabe. A miña primeira valoración foi de resignación mesturada cun pouco de tristeza. Non obstante, se botamos man das cifras vemos como de cada 100 británicos foron 48 os que votaron por permanecer na UE e 52 por abandonala... Foi unha vitoria e unha derrota moi axustada, unha mínima maioría simple que deixa bastante dividida á sociedade en termos globais baixo o meu punto de vista.

Xuntanza de galegos en Manchester.
Xuntanza de galegos en Manchester. | Fonte: Daniela Juncal Riley.

"Vivimos nun país racista e xenófobo? Creo que non, nin moito menos"

Cales pensas que foron as claves para que se dese este resultado?

Aquí hai que ser cautos. Todos levábamos vendo nos medios, partidos e referentes (sobre todo naqueles a favor do Brexit) unha tendencia clara a atacar a inmigración “masiva” e tamén á perda de valores. Fixeron disto un campo de batalla, pero significa isto que vivimos nun país racista e xenófobo? Creo que non, nin moito menos. Non me gustan moito as opinións que simplemente van nese sentido. A ver se agora resulta que a Unión Europea é unha ONG que se dedica a axudar aos máis desfavorecidos! Non esquezamos que é esta UE que vai abandonar Reino Unido proximamente a UE insolidaria que deixa de lado aos refuxiados; é esta a mesma UE que lle prohíbe aos gandeiros galegos producir leite, que recomenda que os mariñeiros galegos desmantelen a súa flota; é esta a UE que está negociando en segredo cos Estados Unidos o tratado de libre comercio que pode ter efectos devastadores. Así que eu resístome a crer que eses 52 británicos de cada 100 que votaron por abandonar a UE fixérono porque son racistas e non queren inmigrantes. Non señores e señoras. E moitos seguro que o fixeron, tal vez unha alta porcentaxe, debido a unha campaña pro Brexit que foi sucia e simple, que explicaba as cousas á súa maneira, de forma falsa e tendenciosa pero que non foi quen de ser contrarrestada polos favorables a quedarse. Pero, e volvendo ao meu traballo, a min non me parece que Dave, Jhony, o outro Dave ou Ian (por dicir uns nomes) sintan odio cara min ou calquera que non sexa británico, nin moito menos. Hai xente que considera que a UE non é máis que unha manada de burócratas alá en Bruxelas que pouco saben dos problemas reais da xente de a pé (sexan galegos, ingleses ou de Belfast). Polo tanto, as claves para min están distanciadas entre si unha eternidade, sendo polos totalmente opostos:

A) Por unha banda, o que nos queren facer crer agora determinados medios de comunicación, que a culpa foi exclusivamente do UKIP por culpar á inmigración de todos os males, por pretender facerlle crer a moitos británicos que son eles (os estranxeiros) os que se aproveitan do sistema de sanidade ou das axudas sociais, etc. A falta de espírito crítico, de preguntarse de onde viñan esas cifras que se daban e de se eran verdade ou inventadas, é dicir, no fondo a falta de formación en moitos casos fixo o resto do traballo e que prendese esa mecha "antieuropeísta" nunha alta porcentaxe da poboación. Discutía cun do traballo que agora na sanidade teñen que agardar moito (disque dúas semanas) para facer unha proba, porque hai moitos estranxeiros que colapsan o sistema. O mesmo que nas escolas, que moitos nenos quedan sen praza alí onde lles gustaría estudar porque os de fóra teñen moita descendencia... Por aí si que non paso. De forma moi educada expliqueille que a sanidade e a educación deberían ser sempre universais e gratuítas. De soños está o mundo cheo, pero polo menos quedou pensando uns segundos. E por certo, non creo que nos poñamos máis enfermos que o resto.

B) Pero tamén quero crer (e creo) que por outra banda houbo moita xente que non cre nesta UE como modelo de nada, unha UE a favor dos lobbies económicos, que é pouco práctica e que non entende as diferentes peculiaridades de cada país membro. E eu creo que estes engánanse marchando, porque non hai mellor forma de cambiar algo que desde dentro, e iso agora xa é demasiado tarde.

"A información que hai de momento é confusa e o que menos necesitamos é estar nerviosos"

Como pensas que vos vai afectar? Estades informados das consecuencias?

Sinceramente, non o sei. Semella que non debería cambiar moito a curto prazo. Parece que nos vindeiros dous anos a UE e o Reino Unido deben negociar as novas relacións económicas, comerciais, sociais, etc. E aí tamén se negociarán as consecuencias para os inmigrantes. Ata o de agora son todo conxecturas, e creo que os que estamos aquí debemos abstraernos un pouco de todo o que se está a publicar. Non deixar de lado o que está a pasar, por suposto, pero esperar unhas semanas ou meses a que se vaian aclarando as cousas, porque a información que hai de momento é confusa e o que menos necesitamos é estar nerviosos. Eu recomendo á xente que non o fixo que se dea de alta no consulado e que estea tranquila. Se estamos aquí é porque este país necesita de nós, e dubido que haxa consecuencias negativas unha vez que se produza a desconexión. 

Isto muda os teus plans ou a situación na que estás?

En absoluto, de momento. Sen saber que consecuencias pode ter, non podemos saber se os nosos plans teñen que mudar ou non. A situación actual non vai cambiar, pero daquí a dous anos teremos que volver revisar todo isto para ver se ao final as cousas empeoran, melloran ou seguen igual.

----------------------------------------------------------------------------

Javi Barreiro é un dos máis indignados entre a comunidade galega. Para el, estase a xerar un verdadeiro problema de xenofobia no Reino Unido.

Como valoras o resultado do referendo?

Como emigrante no Reino Unido dende hai case tres anos o resultado foi tan inesperado como indignante. Inesperado polo feito de que sempre vin o Reino Unido como un exemplo de sociedade multicultural e multirrelixiosa no corazón de Europa.

"O Reino Unido sempre me pareceu un sitio atractivo, vibrante e aberto, onde buscar e atopar oportunidades. De súpeto converteuse no reflexo do seu clima máis gris"

Cales pensas que foron as claves para que se dese este resultado?

Desafortunadamente agora os focos do proceso de independencia do Reino Unido caen en personaxes populistas como o lider do UKIP e o ex-alcalde de Londres Boris Jonhson. Estes personaxes criados entre populismo e racismo basearon o seu discurso na mentira e no odio cara os emigrantes que viven e traballan en Reino Unido. Segundo estes promotores do odio cara o alleo e o diferente, nós, os inmigrantes, somos os culpables de saquear os servizos públicos britáticos sen ofrecer nada a cambio. Nós somos os culpables de que non haxan suficientes prazas de garderías, en colexios de primaria, ou que as colas nos centros de saúde sexan interminables... Sen entrar moito en detalle, basta dicir que hai infinitas investigacións por parte das máis prestixiosas universidades británicas que demostran que as consecuencias que ten a emigración no Reino Unido son beneficiosas e rendibles dende todos os puntos de vista sociais e económicos. Dende a miña experiencia persoal só basta dicir que non coñezo a un só un emigrante que estea a cobrar axudas sociais, todos traballan e contribúen como calquera inglés que se preze.

Como pensas que vos vai afectar? Estades informados das consecuencias?

Dende un punto vista persoal sinto indignación. Considero inxusto o feito de que non se valore o noso traballo e de que se nos acuse de non contribuír. O Reino Unido sempre me pareceu un sitio atractivo, vibrante e aberto, onde buscar e atopar oportunidades. De súpeto converteuse no reflexo do seu clima máis gris.

Isto muda os teus plans ou a situación na que estás?

Non estou seguro de que queira desenvolver o meu futuro profesional baixo unha poalla de desprezo cara o emigrante.

----------------------------------------------------------------------------

SON OS BRITÁNICOS XENÓFOBOS?

Na nosa conversa cos galegos residentes en Manchester tamén participaron outros emigrados que non ocultan a súa preocupación e indignación pola tensa situación que se está a xerar no Reino Unido, onde a fractura social é máis que evidente, cos partidarios pola permanencia na Unión Europea facendo unha intensa campaña para que se repita o referendo e os nacionalistas de extrema dereita aproveitando a situación para sacar o peor deles, o odio ao foráneo.

Un estudo do University College London demostrou que a inmigración europea no Reino Unido ten un "impacto económico positivo"

Afondando no debate sobre a inmigración, para Manuel Pazos hai dous tipos de emigrantes no Reino Unido, "os que viven e traballan" e "os que non traballan e só queren vivir das axudas sociais", os cales insinúa que abundan. Pero outos emigrados, como Mike Kazama Barbosa ou Roberto Mallo discrepan. "En cifras do seu instituto de estatística son moi poucos en comparación", replica Barbosa, mentres que Mallo pregunta a Pazos "onde están?, e onde hai que apuntarse?", ao que o interpelado responde: "Hainos que levan oito anos e non pagaron nunca taxas, con casa de balde, axudas etc. E só queren traballar 15 ou 16 horas a semana. Pásate polas casas do Concello e pregunta por alí". 

O certo é que os datos contradín a versión dos que alimentaron o discurso do medo ao inmigrante na campaña a prol do Brexit. Por exemplo, segundo un estudo do University College London (UCL), a inmigración, "sobre todo a da Unión Europea", ten un "impacto económico positivo" no Reino Unido.

"Os inmigrantes europeos no Reino Unido pagan máis impostos do que reciben en beneficios, axudando a aliviar a carga fiscal sobre os traballadores británicos e contribuíndo á financiación dos servizos públicos", aportando "máis de 20 mil millóns de libras ás finanzas públicas do Reino Unido entre 2001 e 2011", salienta o informe de 2014 do Centre for Research and Analysis of Migration (CReAM) do UCL, publicado pola Royal Economic Society.

Malia as evidencias, o UKIP e parte do Partido Conservador británico veñen xerando nos últimos tempos un clima de medo e odio aos estranxeiros, o cal se está traducindo en reaccións agresivas, aínda que illadas, dalgúns cidadáns británicos contra os foráneos. Nada que non suceda noutros países europeos, onde mesmo o auxe de grupos organizados neonazis é máis preocupante que no Reino Unido. Pero o novo clima político británico está agudizando a sensibilidade social e estes desencontros non pasan desapercibidos entre a comunidade inmigrante española e galega no Reino Unido, na que se fala estes días dalgunhas malas experiencias sofridas nun autobús, nun pub, na rúa...

"Parece haber un incremento das actitudes xenófobas cara os inmigrantes. A verdade é que asusta o ton que está tomando todo isto"

"A mín o tema do racismo si paréceme preocupante. A segunda razón citada polos votantes do 'leave' [a prol de deixar a UE] foi a excesiva inmigración. E parece haber un incremento das actitudes xenófobas cara os inmigrantes e xente non branca en xeral. Espero que a cousa se calme, pero é algo que me preocupa bastante. Tede en conta tamén a cantidade de incidentes xenófobos dos que se están a informar dende que foi o referendo. A verdade é que asusta o ton que está tomando todo isto", explica Roberto Mallo.

Con todo, e aínda que é certo que varios emigrantes españois reportaron casos de agresións xenófobas —principalmente verbais—, trátase de sucesos illados que non se poden xeralizar nun país onde, cando menos as grandes cidades, son un modelo de multiculturalismo e cosmopolitismo, como Manchester, onde o 'remain' gañou con claridade, coa maior porcentaxe a prol da permanencia na UE no industrial noroeste inglés, cun 60,4 por cento dos votos.

Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit
Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit | Fonte: Youtube.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

3 SolyMar

O ingles ver cheghar o ghorrión chupando da sulfatadora, normal que te volvas xenófobo, nunca máis ghorrións sufatadores graxentos, fora bolas de sebo fughadas.

2 Solidaridade hipócrita

Vaia defensa mais hooligang e parcial, dun tratado feito por oligarcas, para oligarcas, monopolistas e especuladores. E de costas a clase traballadora e os diferentes pobos. Quizais esquezamos que o tratado da UE supuxo, o fin do pouco que quedaba, do chamado "estado de benestar socialdemócrata" e perda de sberanía dos estados . Ademais foi rexeitado por amplos sectores sociais, coma os nacionalistas e a IU de Anguita. Se manipula facendo do Brxit unha opción exclusivamente xenófoba, cando foi respaldado polos comunistas e respaldado pola clase traballadora. Clase traballadora que protesta por levar sempre os custes do impacto emigratorio. Ten que compartir os servizos públicos e postos de traballo, porque non se incrementan. Mentras as burguesías. clases medias, medias altas, burócratas etc. presumen de solidarios, sen verse afectados na sua sanidade privada e postos de traballo.

1 teutonio

Falar de soberanía no s. XXI é algo bastante ridículo, se queres ser soberano eí tes o modelo de Korea do Norte. Pretender facer do voto polo Brexit unha protesta por parte do proletariado que vota aos laboristas contra a política neoliberal e austericida da UE é de pámpanos. O Reino Unido sempre estivo na vangarda da desregularización, as medidas neoliberais e a apertura de mercados (capitais, servizos e traballadores). Boa parte por non dicir a maioría dese proletariado empobrecido do que falas vota ao UKIP, encarna o chovinismo e racismo rancio. Aquí o cerne da cuestión non é que a UE impoña medidas de austeridade a un país que nin está no euro nin no pacto fiscal, a campaña centrouse no control da emigración, as aportacións á UE, a excesiva regulamentación feita por Bruxelas.

2 teutonio

Desde logo Boris Johnson ou Nigel Farage son a reencarnación de Gramsci ou Carrillo... estes si defenden os dereitos dos traballadores, so hai que ver como UKIP ou os tories sempre pretenderon diluír calquera lexislación europea en materia social ou preguntarlle aos estudantes o moito que lle chistou a criminal subida de taxas universitarias. O que chista é que os proletarios británicos que votaron out terán ou que apandar cunha asociación estilo Noruega, aceptando o libre movemento de traballadores, as aportacións ao orzamento europeo e sen voz nin voto na lexislación que afecte ao mercado único. A opción é saír do mercado común e ver que tal lles vai negociando como un mercado de 50 millóns de persoas con Mercosur, China, USA, etc. Que noxo me da o nacionalismo galego de esquerdas, en vez de seguir o ronsel do SNP, liderando o seu país, implementando unha política progresista e inoculando un nacionalismo cívico e transversal na cidadanía escocesa

3 Solidaridade hipócrita

O que pasa é que hai moito medo a que todos os políticos españolistas queden co cú o ar, coa sua defensa a ultranza da OTAN, UE (2 caras da mesma moeda) e minireformismos de todo a cen, e se amose que hai vida fora da UE, OTAN, FMI, e o seu mantra panzista fagase anacos. O que marca o Brexit (referendu que foi imposto por certos sectores torys) é o remate da dominación ianquí en Europa e coma consecuencia, a UE e OTAN. O ocaso do imperio e as suas políticas belicistas encarnadas polo FMI, OTAN, BM e UE. Terías que aprender moito da economía británica, saber que a economía da City protexida pola coroa, nunca formou parte da UE, senon que era o gran xestor, banco representante do yuan e os investimentos da economía chinesa en Europa.

4 teutonio

Mimá, tes que mirar menos RT, que carallo terá que ver a OTAN, o FMI, BM e toda esa parafernalia??. A City e o goberno británico cos seus aliados liberais (Holanda, Dinamarca...) eran en boa medida os que influenciaban a lexislación europea en materia financeira, a cal basicamente era un compromiso entre os liberais "a la anglosaxone" e o modelo xermánico-continental. A City está tan fora da UE que xa buscou alianzas con Frankfurt pra protexerse do impacto do Brexit e boa parte das corporacións que alí traballan buscan unha alternativa en París, Dublín, Bruxelas ou Frankfurt. https://www.theguardian.com/busines... http://www.bloomberg.com/news/artic...

1 anonimo

Somos muchas las personas que exigimos una auditoria de las elecciones del 26J. Por favor vean en youtube el video con el titulo siguiente: "¿Ha habido Fraude Electoral en las Elecciones del 26-J?"