Temas: ASTRONOMíA

Un meteorito entrou na atmosfera galega o pasado 17 de maio

O Observatorio Astronómico da USC confirma a entrada deste bólido diurno no ceo galego e descarta que se tratase dun foguete ou chatarra espacial.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/07/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC acaba de confirmar que o suceso do pasado 17 de maio no que se puido observar unha potente luz no ceo acompañado de detonacións “tratouse efectivamente dun bólido diúrno”.  Descarta, así, a re-entrada na atmosfera dun foguete ou chatarra espacial.

Imaxe do suposto 'bólido diurno' observado o pasado 17 de maio de 2016, arredor das 16.00 horas, no sur de Galicia
Imaxe do suposto 'bólido diurno' observado o pasado 17 de maio de 2016, arredor das 16.00 horas, no sur de Galicia | Fonte: Alberto Otero.

Como explican os investigadores José Ángel Docobo Durántez e Pedro Pablo Campo Díaz, trátase da “entrada na atmosfera dunha pedra cósmica ou meteoroide que comezou a observarse sobre o norte de Portugal e de contado pasou a sobrevoar Galicia descendendo ata unha altura próxima aos 30 quilómetros na que o corpo se desfixo producindo fortes estoupidos”.

Nesta primeira fase da investigación, os expertos do Observatorio Astronómico da USC puideron reconstruír a traxectoria do bólido a partir dos datos achegados por testemuñas que contactaron co Observatorio dende distintos puntos da xeografía galega como o sur de Vigo, Baixo Miño, sur de Ourense e mesmo das proximidades de Vilagarcía, Santiago de Compostela e Lugo. Os acontecementos producíronse o pasado 17 de maio cando arredor das 16.00 horas se puido observar o rápido desprazamento dunha potente luz no ceo despezado describindo un arco máis ben curto. O suceso veu acompañado de varias detonacións que, dependendo dos lugares de observación, tardaron distintos intervalos de tempo en escoitarse.

“Tanto a baixa altura na que se deixou de ver a luz como o ruído producido no final do percorrido” son definitorios da caída de meteoritos á terra, explican os investigadores da USC. Agora, o segundo obxectivo da investigación iniciada polo Observatorio Astronómico universitario será a determinación da zona onde estas pedras cósmicas puideron ter caído. Como sinala o profesor Docobo, tamén se tratará de precisar a natureza do corpo orixinal e a zona do Sistema Solar de onde podería proceder.

Temas: ASTRONOMíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta