Pilates para mellorar a calidade de vida das persoas con parkinson

Investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra desenvolven un programa que demostra os beneficios desta actividade en xente que padece a enfermidade.

Por Galicia Confidencial | P0ntevedra | 06/10/2016 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

Melloras no seu equilibrio, nos seus niveis de forza e no seu control corporal. Isto foi o que experimentaron as persoas enfermas de parkinson que participaron no estudo desenvolvido polos investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo José María Cancela e Irimia Mollinedo, que traballan na validación dun protocolo de exercicio físico baseado no método pilates dirixido especificamente a persoas afectadas por esta enfermidade neurodexenerativa. Un protocolo que, coa colaboración da asociación Apropark (Asociación Provincial de Parkinson), puxeron xa en práctica cun grupo de afectados e afectadas por esta patoloxía, co propósito de analizar se a práctica dunha serie de “exercicios intensos”, contribuía a unha mellora “da súa capacidade pulmonar e aeróbica e do seu nivel de forza muscular, parámetros fundamentais para mellorar a autonomía da persoa”, como salienta Cancela, investigador principal do grupo HealthyFit.

Persoas con parkinson practican pilates
Persoas con parkinson practican pilates | Fonte: DUVI.

Este protocolo foi posto en práctica por primeira vez cun grupo de 16 persoas, que durante tres meses realizaron dúas sesións semanais dunha hora das actividades deseñadas polos investigadores no marco da tese de doutoramento de Mollinedo. A través dunha serie de tests que miden forza, flexibilidade ou equilibrio, a súa evolución era comparada coa dun segundo grupo que non realizaba este programa, pero si o resto de actividades físicas que vén promovendo a asociación, informa Edurdo Muñiz no DUVI.

Entre os resultados desta análises, os investigadores destacan as melloras rexistradas no control dos movementos e da “conciencia corporal” dos pacientes, algo que é “moi importante á hora de evitar moitas caídas”, como apunta Mollinedo. Neste senso, entre os propósitos do programa atopábase tanto buscar “unha posición máis erguida” e evitar a flexión de xeonllos que padecen moitas das persoas afectadas, como promover ese “maior control corporal” que lles permita “reequilibrarse” ante situacións de bloqueo. Para avaliar os efectos neste punto, contaron co estabilómetro da Facultade de Fisioterapia, “que mide o comportamento do centro de persión do corpo en diferentes posicións” e co que puideron realizar a análise comparativa coa que constataron “que as oscilacións eran menores” ao final do programa, explica Cancela.

Composto por unha sesión semanal de exercicios de pé e sentados e outra de exercicios en chan, cos que buscaban estender e fortalecer a columna e mellorar esa estabilidade postural, o programa foi deseñado tendo en conta as necesidades de “potenciar certa musculatura ou gañar flexibilidade en determinadas zonas” que implica esta enfermidade, como recoñece Mollinedo. De aí que, aínda que o protocolo estea substentado nas ideas que rexen este método de actividade física, “como a fluidez e precisión do movemento, a coordinación coa respiración, a flexibilidade, a activación postural, a ergonomía ou a concentración”, seleccionáronse a adaptáronse aqueles exercicios propios do pilates “que máis se axustaban a esta poboación”. 

Neste senso, Cancela aclara que “este non é un programa aplicable a todo o mundo”, senón que precisa “duns mínimos de condición física, xa que se trata de exercicios intensos”. De aí que, no marco da colaboración que o grupo HealthyFit mantén desde hai anos con Apropark, se seleccionase para este primeiro estudo, centrado en pacientes que se atopan nos estadios 1 a 3 da enfermidade, a un grupo de persoas “que manteñen un nivel de actividade física bastante elevado” e participan todas as semanas nas diferentes actividades de exercicio físico que promove esta asociación.

Diferentes estudos teñen amosado os beneficios do exercicio físico á hora de reducir a progresión desta enfermidade, mais o que pode achegar neste campo o pilates apenas fora analizado ata o de agora, segundo explican os investigadores. De aí que a base do seu estudo fose ir máis aló de “exercicios moi suaves” que os pacientes podían realizar noutras actividades, co propósito de coñecer os beneficios que podía ter un exercicio de maior intensidade. “E a verdade é que responderon moi ben”, recoñece Cancela dun traballo que actualmente se atopa na súa fase de seguimento, co propósito de analizar “que é o que pasa unha vez rematado programa, se esa melloría se mantén ou se hai unha involución”.

Do mesmo xeito, os investigadores planean dar continuidade a esta liña de traballo cun novo programa de adestramento de forza con gomas, baseado tamén no método pilates, co propósito de coñecer os beneficios que tería neste colectivo un exercicio xa de “alta intensidade”

Por outra banda, unha vez completada a validación do protocolo, o seguinte paso será tratar de “buscar unha transferencia”, que este poida ser implantado “e a xente poida utilizalo para mellorar a súa calidade de vida”, como este grupo de investigación xa fixera en 2007 con Apropark, cando deseñou un programa de exercicios en auga para afectados por esta enfermidade “e os beneficios foron tan altos que o implantaron dentro da programación da asociación”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta